Os de Lotina ampliaron a vantaxe que traían de Elche, mentres que o Celta perdeu ante o Espanyol por mor dos erros defensivos.
O xogo aéreo volveu ser unha grande eiva para o Celta
O Deportivo da Coruña pasou á seguinte rolda da copa, despois de impoñerse por un global de 4-0 ao Elche, mentres que o Celta perdeu por un marcador acumulado de 2-5 fronte ao Espanyol de Barcelona. Os deportivistas agardan agora rival para o enfrontamento de oitavos, mentres que os de Pepe Murcia deben centrarse en seguir medrando na liga.
O Deportivo xogou a especular no partido de volta disputado este mércores en Riazor, e saíulle ben. Os de Lotina saíron coa intención de controlar o balón para matar a eliminatoria por aburrimento, pero a imprecisión no pase deu ao Elche varias ocasións de meter o medo no corpo aos siareiros do depor. Aínda así, os coruñeses remataron levando unha vitoria cómoda por 2-0, grazas aos goles de Pablo Álvarez e Omar Bravo, o primeiro deles de penalti.
Derrota e lesión para o Celta
En Barcelona o Celta de Vigo volveu dar unha mostra de fraxilidade defensiva, e rematou claramente superado polo Espanyol. Os cataláns racharon a eliminatoria con dous goles a balón parado na primeira media hora de xogo, e fecharon o avultado marcador de 3-0 cun gol cando faltaban menos de 10 minutos para o final do encontro.
A outra noticia negativa para o Celta é a lesión do medio centro Jonathan Vila, que sufriu unha escordadura do ligamento lateral interno do seu xeonllo dereito. Nos próximos días será sometido a unha serie de probas para determinar o tempo que deberá estar de baixa.