Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
A Haia podería pedir o seu arresto

O presidente de Sudán tenta fuxir da Xustiza decretando un cesamento do fogo en Darfur

Porén, o principal grupo rebelde rexeitou a proposta de Omar Al Bashir e dixo desconfiar de calquera promesa do gobernante.

Redacción - 20:05 12/11/2008

O presidente de Sudán, Omar Al Bashir, anunciou esta cuarta feira un cesamento do fogo unilateral na rexión de Darfur, mais o principal grupo rebelde, o Movemento a prol a Xustiza e a Igualdade, rexeitou se adherir e dixo desconfiar de calquera promesa do gobernante.

Al Bashir fixo o anuncio nun momento en que os xuíces do Tribunal Penal Internacional (TPI), con sede na Haia, estudan a posibilidade de emitir unha orde de arresto contra el polo seu papel na guerra de Darfur.

O presidente lanzou a oferta nunha asemblea sobre o conflito na rexión que se clausurou hoxe logo de case un mes de sesións. A reunión pretendía ser unha conferencia de paz, mais rebeldes e oposición negáronse a participar.

Segundo Al Bashir, o cesamento do fogo "inmediato e incondicional" será supervisado por unha comisión da que formarían parte, entre outras personalidades, representantes da Misión de Paz da ONU e da Unión Africana (UA) en Darfur, no oeste de Sudán.

A proposta inclúe tamén a suspensión, deica fin de ano, da campaña mediática na prensa oficial contra os rebeldes, co fin de "propiciar un ambiente que facilite a organización de conversacións de paz". Outras medida é o estudo de indemnizacións económicas para as vítimas do conflito, que causou arredor de 300 mil mortos e máis de dous millóns de desprazados.

O 1 de maio de 2007, a TPI emitiu ordes de arresto contra o ministro de Asuntos Humanitarios de Sudán, Ahmad Mohamed Harún, e o líder da milicia ianiauid, Ali Kushayb, acusados de cometer crimes de guerra e de lesa humanidade. Ningún deles foi posto aínda a disposición do tribunal internacional.


0/5 (0 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: