Un dos obxectivos é aumentar a presenza nos mercados e feiras internacionais.
A asamblea extraordinaria do Clúster Audiovisual Galego (CLAG) escolleu como presidente a Antón Reixa para un segundo mandato de tres anos, e aprobou a incorporación de TVG, Ficción Producciones e Arantia ao Comité Estratéxico do CLAG.
A traxectoria do CLAG no trienio 2005-2008 caracterizouse por un marcado incremento do asociacionismo e unha cada vez maior internacionalización. O número de empresas asociadas neste tempo medrou máis dun 50%, pasando de 32 ás 50 compañías. Entre os proxectos máis relevantes postos en marcha baixo a presidencia de Anton Reixa no seu primeiro mandato destacan a creación e próximo lanzamento da marca ‘Galicia Audiovisual'; a creación da Plataforma Tecnolóxica Audiovisual Galega i+dea; ou a organización do Foro Internacional do Videoxogo -FIV- e do Foro da Industria de Animación -FIA-. A presenza das empresas do CLAG nas principais citas sectoriais internacionais tamén é unha constante nestes últimos anos, nos que o Clúster estivo presente, entre outros, no Cartoon Movie, de Postdam; no IBC de Amsterdam ou no MIPCOM, de Cannes.
Obxectivos para os vindeiros anos
Os principais proxectos para 2009 obedecen á estratexia dunha maior presenza nos mercados e feiras internacionais, considerados polo CLAG como unha plataforma idónea para a promoción da marca ‘Galicia Audiovisual'. Na axenda do CLAG para o vindeiro ano figuran destinos como Berlín, onde asistirá ao European Film Market no mes de febreiro; ou Cannes, onde haberá unha doble cita no MIP TV en abril, e no MIPCOM, en outubro. O CLAG tamén estará presente no Movilforum de Barcelona e no Broadcast de Madrid, onde por primeira vez forma parte como membro do comité organizador. No curto prazo, destaca a participación do CLAG na segunda edición de Culturgal, do 4 ao 7 de decembro, en Coruña, onde ofrecerá un obradoiro de dobraxe e sesións demostrativas de imaxe virtual e animación en plastilina.