Ao encontro asistiu Silvia Ribeiro como representante do Grupo Lobo de Portugal que retratou a visión da problemática deste animal no país veciño, onde está protexido pola lexislación desde os anos 90 cunha lei que agora está en fase de revisión. Ademais sinalou algunhas eivas coas que se atopa a especie en territorio portugués, como a falla dun "Plan de acción para a conservación da especie" que axude a reforzar e a implementar a protección do lobo, ou a ausencia de vontade da Administración para a aplicación da lei.
Sobre o caso asturiano, onde o lobo tampouco é especie cinexética, e sobre as repercusión sociais que implica a súa protección nesta comunidade, falaron Alfredo Menéndez e Laura Varona, membros da Asociación pola Defensa Xurídica do Medio Ambiente, ULEX. Ambos os dous aseguraron que un Plano de Xestión non é un instrumento xurídico que ofreza garantías á hora de conservar á especie e, polo tanto, debe de ser moi concreto e rigoroso para que non sexa obxecto de interpretacións "a medida", como está a suceder en Asturias. Segundo os letrados, alí vívese un ambiente de crispación social que as indemnizacións non conseguen abater e onde o lobo segue a ser obxecto de tiro, situación propiciada pola Administración. Especial mención fixeron ás "zonas libres de lobo" establecidas polo goberno asturiano que están a complicar os esforzos no achegamento de posicionamentos.
Pola súa parte, Felipe Bárcena, un dos primeiros estudosos do lobo en Galiza e autor de varios libros referidos a esta especie, apuntou á falla de alimento como a súa principal ameaza e o perigo fundamental da súa conservación. A prohibición de botar preas ao monte coa aparición do servizo de recollida de animais domésticos mortos, a presión cinexética e a degradación do hábitat son as tres causas fundamentais, sinaladas por Bárcena, que explican a ausencia de alimento. Pero tamén culpa á pouca vontade da Administración de establecer medidas que eviten esta situación e responsabilízaa de estragar coas súas políticas o hábitat propicio para o lobo (coas rozas e podas, coa proliferación de vallados inpermeábeis, con barreiras infraestruturais...). Na súa opinión, o futuro do lobo en Galiza é incerto.
Doutro lado, Luis Llaneza, un dos responsábeis da redacción do Plano de Xestión do Lobo de Galiza, explicou paso por paso o proceso de elaboración do documento no que, desde o seu punto de vista, se acadou un grande consenso entre os sectores implicados. O planeamento define os criterios a seguir na conservación e xestión do lobo, zonifica por zonas o territorio galego segundo a presenza do lobo, a partir do cal establece medidas concretas, engade medidas ligadas á perspectiva cultural e patrimonial da especie, á investigación e ao control ou revisión do propio planeamento.
T
amén participou Antonio Cabana Fernández por OVICA, na voz dos gandeiros de gando ovina e caprino, Xosé Gómez Cortón, presidente da Federación de Caza Galega, e Pedro Alonso polo grupo ecoloxista ERVA. Os tres analizaron a problemática do lobo desde perspectivas diferentes aínda que converxentes nalgúns aspectos, como na necesidade de protexer ao lobo e de evitar a conflitividade social, de establecer medidas compensatorias xustas e eficaces para os gandeiros polos ataques do animal, de promocionar con carácter prioritario medidas de prevención contra os ataques ou de acadar a transversalidade entre as institucións para xestionar a especie, entre outros.
CONCLUSIÓNS
En definitiva, o II Encontro do lobo serviu para consensuar entre os afectados, ecoloxistas e expertos, as seguintes conclusións:
1.-É necesario evitar a crispación social a través do diálogo e consenso entre as distintas partes afectadas pola problemática do lobo.
2.-O Plano de Xestión do Lobo en Galiza é necesario e inevitábel, pero a súa aplicación efectiva dependerá da vontade da Administración, a razón da resposta social, polo que se mantén o compromiso dos diversos sectores implicados de chegar a acordos.
3.-A recuperación do hábitat do lobo establécese como unha medida prioritaria entre as medidas que debera de impulsar a Xunta no Plano de Xestión.
4.-É urxente buscar unha solución ao problema da falla de alimento do lobo.
5.-Tamén é necesario evitar medidas e políticas agroforestais que prexudiquen a evolución e dinámica das especies salvaxes (destrución do mato, vallados...).
6.- Indemnizacións si, pero non de calquera xeito (xustas, efectivas, que eviten a picaresca...), nin como medida única fronte a conflitividade social. Habería que indemnizar nomeadamente a aqueles gandeiros que vivan en zonas lobeiras, rexeitando taxantemente a creación de "zonas libres de lobo" (como se fixo en Asturias).
7.-Afondar nos métodos preventivos.
8.-Afondar na investigación para facer un seguimento e diagnose adecuados da especie.
9.-Ter en conta a voz dos gandeiros en todo momento.
10.- Promover a Educación Ambiental de cara a un cambio de actitude sobre a especie.
ROTEIRO AO FOXO DE GUENDE
O domingo día 9 de novembro, ADEGA organizou un roteiro no concello de Bande, polos montes da Serra do Xurés, coa intención de visitar un dos foxos que mellor se conservan en Galiza de tipoloxía "de cabrita". O foxo ou a Casa do Lobo de Guende é un elemento singular do noso patrimonio etnográfico que se empregaba para dar captura ao lobo utilizando como cebo unha cabrita que se poñía no alto dunha pena arrodeada dun muro de pedra duns 2 metros de altura. A ruta foi guiada polo arqueólogo David Pérez, coñecedor da zona, quen ademais comentou algunhas das lendas relacionadas co lugar. No percorrido tamén participou o estudoso Felipe Bárcena. Posteriormente visitouse a aldea de Cela, caracterizada pola súa arquitectura de "bolos".