Primeiro desafío electoral despois da volta ao poder de Daniel Ortega, mentres a oposición chama os nicaragüenses a aproveitar as locais para criticar a deriva "autoritaria" da que acusan o presidente.
Segundo analizan publicamente todas as forzas políticas do país, a cita dos comicios locais esta fin de semana en Nicaragua resolverá algo máis que a simple opinión dos veciños sobre a política municipal. É a primeira vez que os electores van ás urnas desde a volta ao poder da Fronte Sandinista de Liberación Nacional (FSLN), hai case un ano. A formación do actual presidente Daniel Ortega considera que esta é unha oportunidade para que os cidadáns referenden a proposta de transformación "radical" do escenario político e económico do país. Por isto, agardan que esta votación que terá lugar en 146 dos 153 municipios nos que se organiza Nicaragua, sirva para darlle un novo impulso á iniciativa política do goberno.
Unha importancia na que tamén coinciden desde a oposición pero en sentido contrario. Así, as forzas enfrontadas ao FSLN, insisten en denunciar que o presidente Ortega optou por un modelo "autoritario". Opinan que a situación está mesmo no gume da erosión da democracia en Nicaragua, polo que fixeron campaña pedindo que os cidadáns expresen o seu rexeitamento á viraxe que consideran que tomou o país. Un dos referentes da oposición, o escritor Sergio Ramírez, vicepresidente do executivo sandinista nos 80, dixo estar seguro de que a votación será exemplo de "rebelión cívica" fronte á xestión do primeiro treito do goberno Ortega.