Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Fwwwrando

RSS de Fwwwrando
Froito da mente dun visionario

Os computadores portátiles fan 40 anos

Están na idade madura. O primeiro en pensar neles foi Alan Kay quen debullou, en 1968, o concepto actual.

Redacción - 20:35 08/11/2008
O primeiro esbozo do Dynabook, de Alan Kay

O primeiro esbozo do Dynabook, de Alan Kay

O Museo de Historia dos Computadores, situado en Mountain View (California, EUA, onde teñen as súas sedes, entre outras empresas multinacionais, Google, Red Hat, Mozilla Foundation/Mozilla Corporation ou AOL) celebrou esta semana o 40 aniversario do Dynabook, o primeiro esbozo dun computador portátil. Foi idea do informático estadounidense Alan Kay, a raíz dunha visita que este fixo a unha escola en 1968. Daquela, volveu para a casa coa idea de crear un computador do tamaño dun caderno, que tivese pantalla, teclado e unha interface gráfica, ademais dunha conexión á rede sen cables que naquela altura só empezaba a experimentar o exército dos EUA.

Porén, o Dynabook nunca se fixo, mais a pesar de non pasar dun deseño no papel, foi o embrión dos actuais portátiles. Naquela altura o maxín de Kay ía aínda máis lonxe, porque pensaba tamén nun computador con menos dun quilogramo de peso e moito máis sinxelo e intuitivo que os actuais portátiles. Os computadores de peto, coma o Asus eee, achéganse un bocado a esta idea, mais Kay -nunha entrevista publicada en Wired-, pensa que aínda fica moito por facer.

A idea de Kay achégase máis ao OLPC XO ou o Kindle, mais aínda considera que hai que renovar os estándares e pensar en innovacións que realmente axuden á xente a aprender.

O ideólogo dos portátiles
Ademais de idear a linguaxe de programación Smalltalk, e as fiestras das interfaces gráficas dos computadores, Kay foi un dos pais da programación de orientación obxectual, de onde saíron linguaxes como o Java.

Non é, pois, só un emprendedor ao uso, senón que pasa de visionario. Unha das súas frases máis famosas define o seu xeito de actuar: "O mellor xeito de predicir o futuro é inventalo".


5/5 (2 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: