Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
CRÍTICAS ao proxecto

A Federación Ecoloxista demanda a suspensión cautelar do proceso eólico

Vén de presentar un escrito contra un proceso que, segundo denuncian, "beneficia a determinadas empresas enerxéticas en detrimento do patrimonio natural".

Redacción - 19:10 06/11/2008

A Federación Ecoloxista Galega, que engloba os principais colectivos ecoloxistas do país, presentou un escrito na Consellaría de Industria para solicitar formalmente que se paralice o concurso eólico que este departamento ten en marcha. Esta federación considera que a orde do 6 de marzo de 2008, pola que se  regula o proceso, prorroga as políticas eólicas do PPdeG.

Nun comunicado, a FEG tilda a orde de “truco de legalidade dubidosa e dende logo eticamente repudiábel para beneficiar a determinadas empresas enerxéticas en detrimento do patrimonio natural galego”. A principal discordancia dos ecoloxistas con Industria ten que ver co feito de que a orde non está obrigada á Avaliación Ambiental Estratéxica. Segundo a FEG, a Xunta apóiase no antigo Plan Eólico da administración anterior para evitar este trámite mentres “curiosamente a Consellaría de Industria desenvolve en paralelo outro un plan sectorial para dous mil megavatios”

Os ecoloxistas denuncian que con esta orde vanse adxudicar os parques eólicos ás empresas en primeiro termo, logo estas elaboran un Estudo de Impacto Ambiental (EIA) e finalmente ten que ser a Consellaría de Medio Ambiente a que emite a Declaración de Impacto Medio Ambiental (DIA). Segundo a Federación Ecoloxista, denuncia que isto condiciona á propia Consellaría de Medio Ambiente xa que “economicamente é inviábel para a Xunta paralizar a posteriori calquera proxecto eólico pois tería que indemnizar á empresa por dereitos adquiridos”.

A FEG insiste en que se paralice o proceso até que o Goberno elabore un novo plan, do contrario xa anuncian que van pedir a dimisión do conselleiro de Innovación e Industria, Fernando Blanco, ao que lle advirten que pode pasar á historia por “unha das maiores e mellor planificada agresión ambiental ao conxunto do país”. Os ecoloxistas pídenlle á Consellaría de Medio Ambiente que faga cumprir as leis xa que do contrario “serían cómplices da desefeita emprendida por Industria”

Os ecoloxistas reiteran que apoian a produción de enerxía por medios renovábeis, como é o caso do eólico. Porén, aseguran que hai que preservar zonas que son de especial interese natural.

Poden ler o comunicado da FEG no Canal Verde


4,67/5 (24 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: