Vieiros

Vieiros de meu Perfil


GZ-Deportiva

Xestionado por Vieiros
RSS de GZ-Deportiva
Concha Diéguez, directora de Reverso Comunicación

"Para os medios de comunicación moitas veces nin sequera existe o deporte feminino"

Esta semana presentouse a Guía da linguaxe non sexista no deporte. Conversamos cunha das súas autoras sobre a importancia do uso igualitario da linguaxe, tamén no deporte.

Redacción - 18:50 10/11/2008
A capa da guía, cunha imaxe debullada da padexeira Tareixa Portela

A capa da guía, cunha imaxe debullada da padexeira Tareixa Portela

É a primeira guía deste estilo que se presenta no Estado e pretende ser un instrumento de primeira man, non dos que fican nos estantes, senón dos que se collen día a día para escribir ou falar: empregar a linguaxe de xeito que mulleres e homes sexan visíbeis por igual, tamén no deporte. A publicación sería útil para as federacións deportivas, os organizadores de competicións e os xornalistas dedicados aos deporte.

Segundo lle contou a Vieiros Concha Diéguez, directora de Reverso Comunicación, a empresa que elaborou a guía, con ela buscaban "crear un elemento de axuda para as persoas que traballan día a día coa linguaxe no ámbito deportivo". "Queriamos facer unha publicación moi práctica para que os usuarios puidesen acceder directamente ás distintas tipoloxías de problemas que se poden dar neste ámbito, e as dúbidas, para atopar unha solución amplia".

"Non se pode acceder ás pistas" no canto de "os usuarios non poden acceder"
Para elaborar a publicación, en Reverso recolleron todas as propostas que se fixeron noutras administracións públicas do Estado Español nesta liña, mais tamén pensando en facer unha "proposta propia, tentando recoller exemplos reais e facendo un traballo de investigación e sistematización propio", sinalou Diéguez. Un exemplo disto é que todas as imaxes, aínda que moitas delas aparecen debulladas, son de deportistas galegas, "de feito, na portada aparece Tareixa Portela".

"Cando o tenista Rafa Nadal gañou en xullo deste ano o torneo de Wimbledon os xornais dixeron algo así como que se tiña roto o maleficio, xa que non gañaba ningún tenista do Estado Español dende a vitoria de Santana, esquecendo por completo a Conchita Martínez, que gañara en 1994", dixo Diéguez para dar un exemplo de como os medios de comunicación "simplemente eluden, esquecen ou para eles non existe" o deporte feminino.

Este é o feito máis destacábel, mais segundo contou a directora de Reverso, tamén hai outro tipo de actuacións que se poderían mudar, como o emprego de substantivos xenéricos "porque hai moitos casos nos que é posíbel usalos, e non se fai, como por exemplo dicir 'a mocidade deportista' no canto de 'os mozos deportistas'; ou dicir 'o equipo gañador' no canto de 'os gañadores'".

"Os e as deportistas"
Diéguez tamén sinalou que na guía recomendan o emprego de desdobramentos nos casos que sexa posíbel, é dicir, escribir "os nadadores e as nadadoras, os padexeiros e as padexeiras", no canto de só usar o termo masculino.

Tamén se fala de optar pola reformulación para chegar a facer un uso igualitario da linguaxe, de tal xeito que, no canto de dicir ou escribir "Os usuarios non poder acceder ás pistas sen calzado deportivo", cambiar a formulación da frase por "Non se pode acceder...". "A lingua ofrécenos moitas posibilidades; pronomes, determinantes xenéricos, cambios dinámicos, reformulacións... unha manchea de termos que nos poden afastar dunha linguaxe sexista", concluíu Concha Diéguez.

A guía hase repartir entre as federacións e entidades deportivas, así coma nos distintos medios deportivos galegos.


3/5 (4 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Concha Diéguez, o día da presentación da guía, á dereita de Marta Souto e Carme Adán
Concha Diéguez, o día da presentación da guía, á dereita de Marta Souto e Carme Adán
Na portada da guía aparece, debullada, a imaxe da padexeira Tareixa Portela
Na portada da guía aparece, debullada, a imaxe da padexeira Tareixa Portela