A AS-PG desenvolveu unha versión do xogo de palabras cruzadas en galego, mentras se disputa un campionato do Trivial.gz.
Un dos mellores xeitos de promover o uso de galego é facelo dun xeito lúdico. E, mellor aínda, se o facemos tamén a través da rede. Esta debe de ser a intención da Asociación Socio-Pedagóxica Galega (AS-PG), que acaba de poñer na internet unha versión do Scrabble, que se suma ao Trivial, do que estes días se está a desenvolver o campionato de outono.
A AS-PG estivo traballando un ano na versión galega - e electrónica- do Scrabble. A adaptación ten a mesma mecánica do xogo de mesa, con algunhas funcións engadidas que aproveitan as características da informática, como poder xogar contra o computador.
O scrabble é un xogo de mesa clásico que consiste en crear palabras cruzadas e colocalas nun taboleiro de 15x15 pezas para obter o maior número de puntos posíbel. A AS-PG deulle a esta versión o nome de Scrabble.gz, do mesmo xeito ca o xa veterano Trivial.gz.
Detrás do xogo ao que se pode acceder dende a páxina da asociación hai dous dicionarios: un básico de 4 mil palabras e outro avanzado, con 11 millóns de combinacións posíbeis. É posíbel disputar partidas en liña de 2 a 4 xogadores, ou ben enfrontarse ao computador.
Campionato de Trivial
Dende o 27 de outubro, e até o 11 de novembro, estase a disputar na rede o campionato de outono de Trivial.gz, tamén organizado pola AS-PG. O popular xogo de preguntas e respostas de cultura xeral, adaptado á realidade do país, conta desta volta con premios para as persoas que obteñan máis puntos.