Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Máis Alá

Xestionado por Vieiros
RSS de Máis Alá
BASEL RAMSIS, DOCUMENTALISTA EXIPCIO

"Os últimos documentais árabes entran nos terreos prohibidos, como os problemas das mulleres"

No 2007 gañou o premio do público de Amal con 'Columpios'. Nesta edición dirixe un obradoiro de documental organizado pola USC.

Marcos S. Pérez - 09:15 31/10/2008

Basel Ramsis naceu en Exipto hai 35 anos, e formouse como cineasta entre O Cairo e Madrid. O pasado ano gañou o premio do público en Amal grazas a unha achega aos problemas das mulleres en Palestina; foi rodada durante o verán de 2006 en Gaza e os seus campos de refuxiados, Xerusalén, Belén, Nablús, Xericó, Hebrón; e ao outro lado da liña de tregua, en cidades e vilas como Kufer, Kassem, Haifa ou Nazaré. Tamén realizou El otro lado... Un acercamiento a Lavapiés, documental que retrata os colectivos de inmigrantes que residen no barrio de Lavapies. Nesta edición de Amal dirixe un obradoiro, co-organizado polo festival e a USC, sobre a linguaxe do documental árabe.

O documental árabe ten características de seu?
Ten un certo estilo, unha certa linguaxe de seu. Había unha gran tradición de reportaxes propagandísticas e políticas, semellantes ao No-Do español. E ese tipo de formato é difícil dicir que é un documental. Nos últimos anos xorde unha xeración nova de cineastas, formados fóra, en gran parte, e regresan aos seus países e comezan a facer outro tipo de documentais: en xeral é un documental social, é un documental de autor, e utilizan moito o testemuño. Isto último é moi habitual no documental árabe, e isto ven en herdanza do 'mal cinema de ficción exipcio', que utilizaba os diálogos todo o rato, fosen importantes ou non.

E tratando temas arriscados, rachando estereotipos...
Gran parte dos últimos documentais árabes entran nos terreos prohibidos tradicionalmente: o xénero, os problemas das mulleres; o tema dos refuxiados palestinos a partir de 1993, cando nos acordos de Oslo Palestina denuncia ao dereito de retorno dos seus refuxiados; e temas sociais e políticos moi variados. O documental árabe agora é moito máis valente e moito máis relacionado coa vida diaria, moito máis cá televisión, e moito máis có cinema de ficción.

Ao igual que en Occidente, hai un problema de distribución, non si?
Ningún documental árabe en toda a historia se proxectou nas salas comerciais. En España non son moitos pero dende finais dos oitenta si que os hai, como as de Guerín, ou El Sol del membrillo. Os documentais en España gañaron un respecto como un xénero cinematográfico máis, no mundo árabe iso aínda non pasou. Hai moitas canles de distribución: unha delas debería ser a televisión, en concreto as dúas máis importantes, que son Al-Arabiya e Al Jazeera. Pero eles non collen documentais porque só queren reportaxes.

Nótase no documental a influencia da televisión, da reportaxe, a nivel estilístico?
Documental e reportaxe son dous xéneros distintos, e ningún deles é superior ao outro. O documental, ademais de ter unha estrutura de seu, ten un obxectivo de reflexión. O que sucede é que a televisión está utilizando moitas veces as ferramentas cinematográficas; roubounas esas ferramentas. Nós sabemos que ese é a nosa canle de distribución e por iso moitos documentais modifícanse, adáptanse para ter difusión. Ademais, a forza de ver reportaxes televisivos, o documental tamén se contamina cunha linguaxe que non é propia del.

Cal é a situación actual do cine árabe?
O cine árabe atravesa por unha crise bastante dura nos últimos anos, sobre todo nalgúns países, no que desapareceu a industria ou o propio cine. O único sitio no que se podía falar de industria cinematográfica era Exipto, pero xa non existe; hai películas, tan só. Nos anos sesenta e setenta, había cada ano 150 ou 200 longametraxes de ficción; agora 15 ou 16 como moito. Hai sitios que nunca produciron cine, como a zona do Golfo, e nos últimos anos comezan a facer películas; Irak vén de estrear en Amal a primeira película rodada no seu territorio: Ahmaal. O cine árabe sempre estivo en Oriente Medio, en Palestina, Líbano, Exipto, e un pouco Siria e Xordania, pero nos últimos anos comeza a xurdir cinema moi interesante en Alxeria, Túnez e Marrocos. Mesmo en Exipto están saíndo directores de documentais moi interesantes nos últimos anos, cun cinema moi fresco e moi próximo á rúa.

O cine é a mellor forma de rachar as ideas preconcibidas sobre o mundo árabe?
Hai moitas formas de equilibrar as informacións que dan continuamente os medios de comunicación e que moitas veces son falsas, ou nas que só se presenta unha visión de Oriente Medio, só unha parte. O cine é un medio, a literatura é outro, o xornalismo é outro. Pero escapar dos estereotipos é moi complicado. En Europa, cando se fala sobre os árabes, pénsase en política e en conflito, nunca se fala de arte ou de cultura.

Que proxecto tes entre mans neste momento? Lin que estabas coa postprodución de Beirut, Beirut...
Tiven que parar o traballo porque tiña que acabar Columpios, e agora voume meter coa parte final da postprodución. Espero que estea rematada nos vindeiros meses. Trata a memoria de varias persoas durante a Guerra Civil entre 1955 e 1990, e unha búsqueda sobre o mito que formou Beirut na mente dos intelectuais árabes nos anos sesenta, setenta e oitenta. Onde vai o mito?


4,33/5 (6 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: