O Consello de Seguridade da ONU condena o rexurdimento dos combates. A guerrilla do CNDP declara unha tregua e garante a seguridade do pobo.
O Consello de Seguridade da ONU condenou esta cuarta feira os combates na periferia da cidade de Goma, unha das máis importantes do Congo, e exixiulles a todas partes en conflito -o grupo rebelde tutsi Congreso Nacional da Defensa do Pobo (CNDP) e os gobernos do país e mais de Ruanda- un cesamento inmediato do fogo.
Precisamente pouco antes a guerrilla cesou os seus ataques contra o Exército congolés. O obxectivo, segundo indicou o grupo nun comunicado recibido pola axencia AFP, é o de evitar o pánico dos habitantes da localidade e nos campos de desprazados próximos, onde milleiros de persoas chegaron nos últimos días logo do agravamento dos combates.
O CNPD asegura na mesma nota que co cesamento do fogo pretende que a poboación comprenda que "combatemos o poder e non o pobo", ao que lle garanten a súa "total seguridade". Por outra banda, ameazou con renovar as hostilidades se as forzas gobernamentais tratan de tomar posicións de vantaxe no terreo ou reforzar as súas unidades aproveitando a situación.
Francia, que preside a Unión Europea, declarouse favorábel a un despregamento europeo de 1.500 homes no Congo para intentar pórlle fin á violencia, segundo declarou este cuarta feira o xefe da diplomacia francesa, Bernard Kouchner.