Carme Chacón garantiu que esta medida non suporá o derribo de ningunha vivenda. Segundo a concelleira de Urbanismo pontevedresa, a ministra mentiría ao asegurar que informara do asunto.
A polémica está servida nos concellos de Pontevedra, Marín e Vilaboa. Os veciños destes lugares souberon da afección das súas vivendas o pasado oito de outubro, cando se publica no BOE unha directriz do goberno que impide "realizar obras, traballos ou instalacións de ningunha clase sen autorización previa do Ministerio". Deste xeito comprobaron a decisión de Defensa de crear un perímetro de seguridade de 300 metros en torno á base de Figueirido, en Pontevedra. Afecta a 68 casas, situadas no núcleo de Armada (34 vivendas), Moimenta (11), Casal (11), Navalexo (9) e Birrete (3).
A cuestión chegou este mércores á sesión de control ao goberno español, onde a deputada nacionalista Olaia Fernández Dávila, preguntou á ministra de Defensa sobre o tema. Carme Chacón asegurou que os concellos afectados pola ampliación da zona de seguridade da base militar foron informados, ao tempo que garantiu que esta medida non suporá nin o derribo de vivendas nin impedirá medidas de conservación. Ademais, defendeu que as condicións de seguridade son as que corresponden a unha gran instalación militar, co obxecto de garantir en todas as direccións o illamento preciso e a defensa inmediata.
Os concellos négano
Da súa banda, tanto Pontevedra como Vilaboa xa negaron ter aceptado esta ampliación da franxa de protección, aínda máis ter emitido informe favorábel algún á pretensión de Defensa. Segundo defendeu a concelleira de urbanismo da cidade do Lérez, Teresa Casal, a única comunicación que recibiu o municipio ao respecto remóntanse a comezos dos anos oitenta. Con todo, o actual Plan Xeral de Ordenación Municipal (data de 1990) é o que deseña a organización urbanística actual polo que, de existir un documento anterior, quedaría invalidado.
O alcalde de Vilaboa, Luis Poceiro, tamén confirma que o documento ao que se pode estar referindo Defensa data dos anos oitenta (concretamente de 1983). Porén, asegura que do expediente só se desprende a ampliación da franxa de protección exterior e non se especifica ningunha restrición para os propietarios das vivendas.