Vieiros

Vieiros de meu Perfil


GZ-Sete

Edición xestionada por Vieiros
RSS de GZ-Sete
Rompe definitivamente con Esquerda Unida

Irisarri confirma que intentará gobernar en minoría deica 2011

Logo de 16 meses de coalición progresista en Ferrol, o PPdeG volve á primeira plana e será clave na aprobación de calquera norma ou orzamento.

Redacción - 13:00 28/10/2008

O alcalde de Ferrol, o socialista Vicente Irisarri (PSdeG), anunciou este martes a ruptura da coalición de goberno con Esquerda Unida debido a diferenzas "insalvábeis", co que encabezará un goberno en solitario integrado por nove concelleiros, fronte aos catro edís de EU, os sete do PPdeG, tres de Independientes por Ferrol e dous do BNG.

O anuncio prodúcese logo de 16 meses de goberno de coalición e despois dunha semana de crise precipitada por declaracións e acusacións cruzadas entre as dúas formacións. As discrepancias xa se manifestaran con anterioridade arredor de proxectos como a reforma da Praza de Armas, a rehabilitación de Recimil ou a presenza da raíña española no aniversario da cidade.

Finalmente, a negociación dos orzamentos foi o desencadeamento dunha crise do goberno que se mostrou publicamente durante a pasada semana e que tivo como punto álxido o anuncio de Vicente Irisarri de que podería gobernar en solitario en canto aprobásese o Regulamento da Lei de Grandes Cidades. Con todo, a normativa non saíu adiante no pleno municipal deste luns, grazas á abstención de EU e o voto contrario da oposición, PP, IF e BNG.

Baixada de salarios
Ademais, Vicente Irisarri quixo deixar claro que a ruptura do pacto non se produce ante a petición de baixada salarial formulada por EU e que Iolanda Díaz presentara como un dos elementos centrais das disputas políticas.

Para demostralo, anunciou que o seu soldo, que se incrementou o pasado ano deica os 73 mil euros, reducirase dende o 1 de novembro nun 10%, e que o dos edís socialistas, un 5%, ante a situación actual de crise económica. "Non queremos que ninguén diga que viñemos aquí a enriquecernos", concluíu.

"Irisarri culpábel, non o PSdeG"
Pola súa banda, a até este martes tenente de alcalde, Iolanda Díaz, lamentou que se perda a oportunidade de "ter un goberno de esquerdas en Ferrol", e subliñou que "as políticas de esquerdas van saír duramente danadas".

Díaz responsabilizou de forma directa e persoal o alcalde, que non o PSdeG, da ruptura da coalición, e manifestou que Irisarri rexeitou os seus intentos de dialogar e abrir o goberno a políticas de esquerdas e participación cidadá.

"Lamentamos que o alcalde, que non o Partido Socialista, vaia ser, expulsando os concelleiros de Esquerda Unida, quen lle abra as portas a un goberno de dereitas na cidade de Ferrol", dixo, e recordou que EU levaba "máis dun ano pelexando" para que se reducisen as retribucións dos cargos do executivo local.


3,67/5 (3 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: