As mozas do Arealonga arrebatan o primeiro lugar ás súas veciñas do Peguform, ás que venceron por 26 - 16 no derbi de Redondela.
O Asador Arealonga venceu con claridade ao Peguform nun partido disputado o pasado domingo, no pavillón municipal de Chapela. Con esta derrota o Peguform abandona a primeira posición, en beneficio das súas veciñas, que comandan agora a Primeira Galega de balonmán feminino.
Nos outros partidos da xornada o Ázkar seis do Nadal Coia venceu por 20 - 24 no campo do Rasoeiro Balonmán; e o Balonmán Tui impúxose ao Sadorma cun claro 25 - 16.Na seguinte xornada descansan o Bueu, Peguform e Asador Arealonga, polo que o Ázkar podería subir até a primeira posición se gaña na casa ao Balonmán Tui.
O Pilotes derrotou ao Teucro no derbi galego da Asobal
O pasado sábado tamén se disputou o partido entre o Octavio Pilotes Posada e o Teucro, pertencente á oitava xornada da Liga Asobal. Os de Pontevedra aguantaron durante os primeiros minutos, pero remataron por sucumbir ante o excepcional estado de forma no que se atopan os homes de Quique Domínguez. O resultado final foi 34 - 25, co que o Octavio volve vencer ao Teucro na casa, despois de máis de 10 anos.
O Octavio sobe até a sétima posición na clasificación, con 10 puntos, e comeza a ver a copa como un obxectivo factíbel. O Teucro, pola súa parte, ocupa o 12º lugar da clasificación, polo que a loita por eludir o descenso parece ser a súa meta este ano.