Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
HEMEROTECA

O arquivo de 'La Vanguardia', testemuña da historia de Galiza

O xornal catalán publica na rede os seus 127 anos de historia, cun sistema rápido de busca e a posibilidade de descargar as páxinas en PDF.

Redacción - 12:45 27/10/2008

O xornal catalán La Vanguardia acaba de publicar na rede todo o seu arquivo, dende o primeiro número. Son, en total, 127 anos de historia viva que se poden buscar, ver e mesmo descargar en formato PDF.

Na portada do apartado da web do xornal destácanse acontecementos como a morte de Kennedy, ou de Lady Di, ou acontecementos máis locais como o debut de Johan Cruyff no Barça ou a inauguración do funicular de Montjuïc.

Pero La Vanguardia tamén foi testemuña da historia galega. Por exemplo, podemos atopar unhas declaracións de Castelao un par de meses despois de que estoupase a Guerra Civil, nas que amosa a súa dor por non ter podido entrar en vigor o Estatuto de Autonomía: "Teño cincuenta anos. Case un neno, paseaba baixo os soportais das rúas santiaguesas soñando cunha Galiza libre, capaz de erguer a súa voz e expresar o seu espírito por si mesma. [...] Agora, cando a tarefa parecía feita, resulta que era iso -o máis malo de nós- o que máis nos facía falta".

Tamén se garda, por exemplo, unha nota do 6 de decembro de 1972 que fala dunha resolución da Real Academia Galega de nomear as rúas da cidade vella da Coruña en galego. O autor, o correspondente Xosé F. Ferreiro, pregúntase cando se recuperarán os topónimos na nosa lingua: "Carballiño, Porto do Son. Xubia, Rianxo. Viana do Bolo, Xinzo de Limia... Tempo ao tempo".


5/5 (5 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: