O Consello da Xunta deulle adiante á creación desta nova delegación que prestará asistencia a perto de 29 mil galegos asentados no país americano.
Primeiro foi Arxentina e agora é a quenda de Uruguai. Montevideo acollerá a segunda das Delegacións da Xunta no estranxeiro, un organismo a xeito de embaixada que terá por obxecto institucionalizar e defender a presenza de Galiza, a súa cultura, a súa lingua e os seus intereses naquel país americano. Segundo os datos do Censo de Residentes Ausentes (CERA), nesta área xeográfica existe unha colonia de galegos que ascende a 28.470 persoas.
A Xunta nomeará proximamente a un delegado, ao que lle corresponderán as funcións de dirección e coordinación das actuacións desenvolvidas por esta oficina. Ademais, a Delegación contará cunha secretaría (encargada do réxime interno, administración ou orzamentos), unha oficina de rexistro e un grupo de traballo. Este último dividirase en catro áreas de acción: atención á cidadanía, lingua e cultura, relacións económicas e cooperación ao desenvolvemento.
Traballo das Delegacións
As funcións das que se encargan este tipo de organismos abranguen un amplo abano de cuestións vencelladas coas relacións exteriores. Entre elas cabe destacar o fomento das relacións de Galiza cos gobernos das áreas xeográficas de acción, o impulso a accións de promoción da cultura e da lingua; prestar apoio administrativo e institucional aos emigrantes; ou coadxuvar á presenza das empresas galegas no mercado global, achegándolles apoio e asistencia institucional. A existencia deste tipo de institucións está avalada polo Tribunal Constitucional, quen asume que Galiza pode levar a cabo actividades de relevancia internacional no exercicio das competencias que lle son propias ou na proxección exterior da súa personalidade.