Expresión de desleixo, ignorancia ou de falta de empatía? Puerto del Son, Cillero, Carballino, El Grove... son algunhas das expresións elixidas polos wikipedistas en español.
Se vostedes remexen nas wikipedias turca ou neerlandesa na procura d'O Grove, non terán problema en dar co topónimo oficial deste concello pontevedrés. Do mesmo xeito, o internauta que na versión vietnamita asina Nalzogul, tivo sentidiño abondo como para escoller O Carballiño para a entrada correspondente a este municipio ourensán. Quen na internet italiana ande pola súa enciclopedia libre, poderá ler que Ponte Caldelas é un concello "della Galizia". Non hai dúbida tampouco para os wikipedistas ingleses de cal é o nome de Salvaterra de Miño. Un tal Michiel foi o encargado de incluír nos Países Baixos a referencia a As Pontes que poden ler os neerlandeses. En Francia ou Polonia, non lle inventan outro nome a Viveiro. E sen saír da Mariña, os wikipedistas ingleses falan de Celeiro con normalidade.
Porén, quen atreva a navegar pola wikipedia castelá topará cunha galería de despropósitos toponímicos para cada unha das vilas antes referenciadas: El Grove, Carballino, Puentecaldelas, Salvatierra, Vivero ou Cillero son as disparatadas escollas realizadas neste caso polos wikipedistas. Así, desta volta a oficialidade non é argumento para un pequeno grupo de administradores que bloquean sistematicamente calquera intento de mudar estas entradas polo topónimo legal. De feito, nas discusións abertas por algúns internautas en queixa por esa teima de distorsionar os nomes reais, os gatekeapers admiten usar a oficialidade do topónimo como último criterio á hora de decidiren. Deste xeito, manuais ortográficos e diccionarios topográficos serodios e sen actualizar son esgrimidos para manter a forma errada.
Wikipedistas galegos deixan de colaborar na versión "en español"
"Seguen esquemas da época de Franco", láiase Miguel Bugallo, un dos xestores da versión en galego da Wikipedia, a Galipedia, exitoso proxecto que, por certo, vén de pasar a barreira dos 40 mil artigos.
Segundo explica para Vieiros, este grupo de wikipedistas "teimudos" da versión en español están actuando "en contra dos principios" da propia wiki, de costas ao modelo de actuación estabelecido polos fundadores do proxecto. Mostra da actitude dos administradores desta versión é o bloqueo que impuxeron sobre usuarios que protestaron ao respecto. Un proceder que, sinala Bugallo, levou a que os wikipedistas galegos deixasen en moitos casos de realizar as colaboracións que facían na versión en español en protesta por esa belixerancia. "En todo caso poñan Puerto del Sonido", escribe o internauta Marvelshine con retranca, laiándose da deturpación do nome deste concello coruñés.