Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Debate da Lei de Residuos

Até dous millóns de multa aos vertidos "moi graves" e "obriga de reparación"

O PP cualifica o conselleiro de Medio Ambiente de "señor dos vertedoiros". Vázquez retruca que se reforma "con responsabilidade" a herdanza deixada polo PP.

Redacción / EP - 09:00 22/10/2008

"Redución, reutilización e reciclaxe". Son os tres principios nos que o conselleiro de Medio Ambiente, Manuel Vázquez, insistiu en que se inspira o texto lexislativo que debatía o Parlamento esta terza feira, fronte ao modelo baseado na incineración posto en marcha en anteriores etapas de goberno.

O proceso de trámite parlamentario incluíu unha intensa actividade dos tres grupos con representación na Cámara, con máis de medio cento de emendas introducidas ao texto orixinal. Destas, foron adiante por unanimidade até 32 das achegadas por socialistas e nacionalistas, e catro en exclusiva co apoio destas dúas formacións. Outras 15 das aceptadas corresponden a iniciativas propostas polo PPdeG que foron admitidas polos rivais políticos. Unha colaboración para axeitar o texto que desde a bancada socialista, a deputada ourensá Laura Seara cualificaba como exemplo "doutra forma de entender a política".

E con todo, á hora de proceder ao debate á luz pública, a belixerancia das formacións políticas non parecía dar pistas dese traballo previo. Así por exemplo, o voceiro do PP en materia de medio ambiente, Xaime Castiñeira, botou man do caso do vertedoiro de Sogama en Areosa para denunciar o vertido de residuos tóxicos ao río Lengüelle, afluente do Tambre, augas arriba da captación dende a que se abastece Santiago e localidades próximas. Castiñeira mostrou un bote de plástico cunha mostra do suposto axente contaminante procedente do Lengüelle, e unhas fotografías, material que puxo despois sobre a mesa de Manuel Vázquez. Á súa vez, o conselleiro virouse para colocalo no escano do presidente do PPdeG, Alberto Núñez Feijoo, que nese momento non estaba na Cámara. "Déixollo a el porque é quen fixo Sogama", dixo Vázquez.

Sancións máis duras e "autoanálise" obrigatoria
Entre as propostas do PP que foron aceptadas, figura unha para elevar de 1,2 a dous millóns de euros as sancións máximas que se poderán impoñer pola comisión de infraccións moi graves. Os concellos poderán tamén esixir dos infractores por abandono ou vertedura de residuos na rúa que realicen traballos voluntarios de limpeza na vía pública como alternativa a algunhas multas.

Tamén se regulamentan as obrigas dos fabricantes de produtos que, co seu uso se converten en residuos, así como a xestión que destes se poden realizar. A lei recolle un seguro de responsabilidade civil e a prestación dunha fianza, á que quedarán suxeitas tanto as actividades de xestión de lixo como os seus produtores.

Tamén se dispón que se poderán expropiar forzosamente predios para instalacións de xestión de residuos e inclúese a obriga de autorización administrativa para actividades produtoras de residuos perigosos. Por outro lado, as empresas xeradoras de residuos industriais terán que facer anualmente unha autoanálise ambiental que ratificará ou non o órgano de control da Xunta encargado das auditorías correspondentes.


5/5 (1 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: