En abril
Radiohead puxeron a disposición pública as pistas orixinais de Nude, tema incluído no seu último álbum
In Rainbows para que quen quixese fixese a súa versión. En total recibiron máis de dúas mil remesturas, que foron escoitadas un total de dous millóns de veces na web do concurso En setembro, visto o éxito, a banda de Oxford
fixo o mesmo con Reckoner. Agora
Lamatumba e Pai Música fan o mesmo cun dos temas do máis recente álbum dos ourensáns,
Farto. A discográfica entrega as pistas e as ferramentas (hai moitos programas, como o Pro Tools; neste caso ofrécese o KRISTAL Audio Engine)), e a versión gañadora contará con vídeo de seu.
Todo está permitido: engadir novas pistas, engadir loops, efectos... Os novos temas mesturados publicaranse na web para sometelos á votacións dos usuarios. O gañador será elixido cun 50% dos votos dos usuarios e outro 50% polos votos de Lamatumbá + PAI Música. O prazo para entregar as mesturas remata o 27 de novembro. Logo abrirase as votacións durante unha semana, xusto despois do peche do prazo de entrega. Os temas que vaian chegando serán publicados na web para que poidan ser escoitados.
As remesturas aínda non están moi estendidas en Galiza. Projecto Mourente, un dos que máis ten traballado neste campo, xunto con Fanny & Alexander,
reclamaba hai uns meses nunha entrevista en Vieiros que os grupos emprestasen as súas pistas para poder facer das remesturas algo habitual.