Investigadores do CSIC promoverán o interese pola tecnoloxía entre o estudantado de ESO e de Bacharelato.
O estudantado de ESO e Bacharelato do país achegaranse á ciencia grazas a unha iniciativa do CSIC. Investigadores do centro achegaranse a institutos mediante o programa Exper-i-ciencia, no que se prevé que participen uns 1.500 alumnos durante a segunda metade de outubro.
Aínda que é a terceira edición da experiencia, por primeira vez dirixirase tamén ao alumnado do segundo ciclo da ESO. Serán 25 charlas dunha hora de duración nas que se explicará o que é o CSIC e como funciona, e tamén se debaterá sobre a ciencia en xeral e sobre as investigacións que desenvolve a persoa que imparte a conferencia.
A iniciativa está financiada pola Consellaría de Innovación e Industria dentro da convocatoria de axudas para divulgar a ciencia e a tecnoloxía Diverciencia. De feito, ese é un dos obxectivos de Exper-i-ciencia: concienciar o alumnado sobre a importancia das ciencias no desenvolvemento do país, poñer en valor a figura dos investigadores e fomentar as vocacións científicas.
O CSIC conta con catro centros en Galiza: O Instituto de Investigacións Agrobiolóxicas e o Instituto de Estudos Galegos Padre Sarmiento, en Compostela; a Misión Biolóxica de Galicia, en Pontevedra, e o Instituto de Investigacións Mariñas, en Vigo.