Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Máis Alá

Xestionado por Vieiros
RSS de Máis Alá
Bienal Literaria 'De pedra e de palabra'

O Nóbel Gao Xingjian estará en Compostela o sábado 25

O ciclo organizado polo Pen Club, polo que pasará unha boa representación das literaturas africanas e asiáticas, homenaxeará a Ramiro Fonte.

Redacción - 10:30 21/10/2008

A intervención do dramaturgo francés de orixe chinesa Gao Xingjian, Nóbel de literatura no ano 2000, será o máis destacado do ciclo de debates e conferencias organizado polo Pen Club de Galiza. A primeira Bienal Literaria Internacional De pedra e de palabra, celebrada en 2006, centrouse nos autores iberoamericanos; nesta ocasión, as literaturas escollidas son as africanas e asiáticas, moito máis descoñecidas en Galiza.

Ademais das conferencias, haberá roteiros literarios, como o que percorrerá os lugares de Valle-Inclán. E o xoves 30 homenaxearase a Ramiro Fonte cun recital a cargo de compañeiros e amigos como Manuel Forcadela. Malia a que aínda non se confirmou, Ferrín podería ser o encargado de clausurar a Bienal.

O día 25 Gao Xingjian ofrecerá en Fonseca o discurso inaugural da Bienal. Comezou desenvolvendo o seu teatro do absurdo no Teatro Popular das Artes de Pekín, até que en 1986 o goberno chinés prohibiu as representacións. En 1987 viaxou a París e ficou alí, accedendo á cidadanía francesa. Entre as súas obras máis destacadas están O sinal de alarma, A estación de autobuses, O salvaxe e a novela A montaña da alma. No ano 2000, concedéuselle o Premio Nobel de Literatura. A noticia foi recibida con indignación por parte das autoridades chinesas, e os medios de comunicación da China continental non informaron sobre a concesión do premio.

En palabras de Luis González Tosar, este será "o primeiro encontro institucional" de escritores galegos, asiáticos e africanos. Os autores africanos, entre os que destacan Agnès Agboton (Benin), Guillermina Mekui (Guinea Ecuatorial), Paulina Chiziane (Mozambique), Germano de Almeida (Cabo Verde), Diana Kurtz (Argelia), Ana Mafalda Leite (Angola), Fama Diagne Sène (Senegal), Solomon Hailermariam (Etiopía) ou o marroquí Larbi El-Harti, tradutor ao árabe de Cunqueiro, centrarán o debate nas contradicións entre lingua de orixe e lingua de cultura.

Por parte asiática, destaca a presenza do poeta indio en lingua bengalí Subrata Sarkar, o poeta kazaxo Kanat Kabdrakhmanov, o ensaísta nepalí Prakash Raj, o poeta coreano Gil-Won Lee ou o filipino Marciano R. De Borja.


4,2/5 (5 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: