O festival incluirá unha retrospectiva do francés Olivier Assayas, na que se poderá ver o seu filme máis recente: 'As horas do verán'.
Seica ao cabo escampou para A noite que deixou de chover. O filme foi filmado integramente en Santiago o pasado verán, baixo a dirección de Alfonso Zarauza, e con Luís Tosar, Nora Tschirner, Miguel de Lira e Mercedes Sampietro no seu elenco de actores, e poderase ver en Cineuropa a partir do día 4 de novembro.
Recrea a bohemia compostelá e a vida nocturna da cidade. O protagonista, Spleen, interpretado por Tosar, é un home que sae mercar pan a primeira noite que escampa a choiva logo de tres meses; só lle gustan tres cousas na vida: Valle-Inclán, The Smiths e as mozas malas con perrera, e esa noite coñece á 'Rusa', outra "alma" que coma el "vagabundea pola noites de Compostela". Xuntos realizan un percorrido pola cidade que cambiará as súas vidas.
O propio Tosar sinalou que a cidade non aparecerá retratada, como é habitual, como un lugar no que "os protagonistas non son o Xacobeo, o turismo e a hostelería", senón que terá un papel principal "a noite", o momento no que "os personaxes se xuntan para beber absenta e licor café e falar de poesía maldita".
A noite que deixou de chover, tamén coñecido como Spleen e A noite da maga e o pan, obtivo o premio ao mellor guión no Festival de Cinema Latino de Os Ánxeles e participou nos festivais de Valladolid, Viña del Mar e Sao Paulo. A película é unha coproducción entre Iroko Films e Can Verde Films, producida por Harold Sánchez e Manuel Cristóbal e co apoio do ICAA, a Xunta de Galicia, a TVG, a Filme Comission de Santiago de Compostela e a Axencia Galega do Audiovisual. Alfonso Zarauza, guionista, director do filme e experimentado curtametraxista, convértese no quinto director que realiza a súa ópera prima con Iroko Films, produtoras caracterizada por apostar por novos valores.
150 filmes no festival
O Festival inaugurá a súa 22ª edición o 3 de novembro coa estrea do filme A boa nova, un filme sobre o papel da Igrexa durante a Guerra Civil, dirixido por Helena Taberna e protagonizado por Unax Ugalde. Actor e directora estarán esa semana en Compostela presentando a película. Un día despois comezarán as proxeccións públicas, con A noite que deixou de chover, que participará na sección oficial do Festival.
En total, serán 150 filmes, entre os que destacan unha retrospectiva do francés Olivier Assayas, que incluirá a estrea da súa película máis recente, As horas do verán. O festival dedicará unha atención especial, igualmente, ás novidades do cinema latinoamericano do último ano, e aos filmes premiados nos máis importantes festivais do continente, como Cannes, Berlín ou Venecia.