Nova etapa na relación, aberta coa xuntanza do eurocomisario de Desenvolvemento e Axuda Humanitaria e o responsábel cubano de Exteriores.
Louis Michel
Desde o gabinete do comisario de Desenvolvemento e Axuda Humanitaria da UE, Louis Michel, subliñábase este xoves a vontade de normalizar as relacións da Unión Europea con Cuba cinco anos despois da crise aberta nas diplomacias ás dúas beiras do Atlántico.
Na xuntanza co chanceler cubano de Exteriores, Felipe Pérez Roque, estiveron esta semana Bernard Kouchner, ministro de Exteriores de Francia, coa presidencia de quenda da UE, e tamén Karel Schwarzenberg, o responsábel de Exteriores da República Checa, país ao que lle corresponderá a presidencia no semestre próximo. Especialmente significativa foi a presenza checa na reunión, xa que foi este un dos país que no seu momento con maior belixerancia se opuxeron ao levantamento das sancións da UE a Cuba.
"Entendo que eles están interesados en recobrar os contactos tanto no terreo da cooperación como no diálogo político", afirmou o comisario á saída da reunión. Por outro lado, desde o executivo francés indicábase que se falou coa delegación cubana "das esperanzas europeas en materia de dereitos civís e políticos". Pola súa banda, o ministro cubano comentou ter explicado "con honradez e seguridade os nosos criterios e orgullo pola obra da revolución e os principios que defendemos". De paso, sinalou tamén o intercambio de opinións sobre o actual escenario de crise económica. "Subliñamos que ao noso entender esta é unha crise do sistema de produción e consumo irracional e insostíbel que o capitalismo lle impuxo a un mundo globalizado".