O secretario xeral do sindicato agrario, Francisco Bello, asegura que todo se debe a un "malentendido" e critica a "virulencia" dos nacionalistas.
Francisco Bello
Xóvenes Agricultores (XXAA) respondeu contundentemente ás acusacións do BNG sobre unha suposta fraude do sindicato agrario. O comité executivo reuniuse de urxencia esta quinta feira en Compostela e aprobou un comunicado "quizais algo excesivo", segundo as palabras do seu secretario xeral, Francisco Bello, onde se cualifica de "titiriteiros" (monicrequeiros) os deputados nacionalistas Bieito Lobeira e Tareixa Paz.
XXAA exixe que o BNG rectifique publicamente a "mentira" que "amplificou no Parlamento e dilatou no tempo" pola "agresión" a "unha organización que leva 25 anos tramitando todo tipo de axudas de maneira irreprochábel". Ademais, piden unha investigación "a fondo" da "orixe deste virulento e intempestivo ataque".
"Falan de suposto caso de corrupción e así botan unha cortiña de fume sobre as corruptelas, abusos, cacicadas e mentiras que está a practicar o BNG en toda Galiza. Oxalá as corrupcións do BNG consistisen en facer o que fai Xóvenes Agricultores!", apunta o sindicato agrario no comunicado, que ve "intereses políticos" detrás das denuncias dos nacionalistas.
Francisco Bello: "Nós sabemos como xurdiu todo"
Francisco Bello, que valorou de "incríbel e desmesurada" a situación afirmou que "nós sabemos exactamente como xurdiu todo".
"Fixemos a tramitación dun socio de Coristanco (para reclamar os 230 euros cos que financia o Estado parte do gasóleo que se utiliza nos labores do agro) dende unha das nosas oficinas, pero a persoa que a realizou por internet 'bailou' dous números ao introducir o número do DNI", explicou.
Este número, continuou, "coincide co dunha veciña de Marín, coa mala sorte de que a persoa que realizaba o trámite continuou co proceso sen se dar conta de que o nome non coincidía", afirma Bello. Asegura, tamén, que no sindicato non foron conscientes do caso até que o asociado presentou unha reclamación porque non cobrara os 230 euros da exención fiscal.
Bieito Lobeira: "Hai feitos obxectivos e probas documentais"
Ademais, o comunicado de XXAA afirma que a veciña de Marín é militante do BNG. Porén, o deputado Bieito Lobeira quixo deixar "moi claro" que ningunha das persoas implicadas ten que ver coa formación nacionalista. Preguntado por como deron en saber no seu grupo deste caso, Lobeira dixo que foi "xente da veciñanza" (el reside no Morrazo) que lle foi preguntar polo caso, xa que crían que era "algo de Medio Rural".
O parlamentario nacionalista lamentou a decisión de XXAA e advertiu de que "é unha obriga do BNG, unha vez que o caso chega á vía xudicial, clarificar e buscar a verdade". "Gústelles ou non a XXAA ou a quen sexa habemos seguir na mesma liña", engadiu, e criticou o sindicato por "querer entorpecer pola vía xudicial".
Ademais, Lobeira asegurou que as denuncias do BNG no Parlamento están baseadas en "feitos obxectivos e probas documentais", e que hai "máis dun caso". "Iso é o que queremos comprobar nós", contestou Bello, "que saquen á luz pública eses outros casos".
O secretario xeral de XXAA recoñeceu, no entanto, que "podería haber erros similares" mais non intencionalidade de delinquir. "O que vai manchar as mans, suponse que non o vai facer por unha cantidade tan pequena", e considerou que todo este asunto o que vén a demostrar é que o sistema telemático de Facenda ten "deficiencias que cómpre corrixir".