O Consello da Xunta aprobou a modificación do decreto 103/1994, que regula as subvencións públicas para as publicacións monolingües no noso idioma.
Nos últimos anos a prensa gratuíta incrementou a súa presenza no escenario informativo dos medios en Galicia, contribuíndo á diversificación da oferta informativa mediante a edición de xornais escritos integramente en lingua galega. En opinión da Secretaría Xeral de Comunicación, "estes medios contribúen ao acceso do galego ao mundo da comunicación, aumentando a presenza da lingua galega nos medios de masas e na publicidade, o que permite avanzar cara a unha oferta informativa, lúdica, cultural e formativa completa en galego".
A partir de agora, polo tanto, todas as publicacións periódicas escritas integramente en galego (na norma ILG-RAG, unicamente) poderán acceder ás súas axudas, tamén os xornais gratuítas, que debido á forma en que se redactou o decreto, en 1994, non podían recibir estes fondos.
En concreto, o novo decreto modifica a redacción do artigo 4º do Decreto 103/1994, que excluía dos medios subvencionábeis aqueles de distribución gratuita.