Os dous cantautores repasarán na Coruña os temas máis coñecidos do seu repertorio. Falamos con Miro Casabella.
E unha folla no vento/ alento e desalento/ O meu país. Deste xeito comezará Miro Casabella o seu concerto, o primeiro que ofrece na Coruña dende que en 1976 actuou con José Afonso, e no que incluirá tamén Maria Soliña ou Fuco Pérez. Casabella e Raimon repasarán as mellores cancións do seu extenso repertorio (o cantautor valenciano comezará con Al Vent) nun concerto antolóxico que comezará ás nove da noite no Teatro Rosalía.
Non é casual a presenza de Raimon nun concerto que, en parte, pretende ser unha homenaxe a Voces Ceibes e a toda a nova canción galega. "Raimon sempre foi un referente para todos nós", comenta Miro Casabella, "eu escoiteino cantar Al Vent por primeira vez en 1964, e segue aí". Raimón foi o inspirador directo de Voces Ceibes, debido en gran parte ao impacto que provocou o recital que o cantautor ofreceu no estadio da residencia de Estudiantes de Santiago de Compostela en maio de 1967. Aquel concerto multitudinario e bilingüe, cantado en catalán mais escoitado en galego (mercé á tradución feita e distribuída por Carlos Casares e García-Bodaño), fixo abrollar en moitos a idea de facer canción de autor en galego.
"O gran mérito de Voces Ceibes foi meter a canción en galego na universidade, dándolle dignidade ao noso idioma. A canción en galego estaba moi desvirtuada, sobre todo pola acción da Sección Femenina. E Voces Ceibes foi o disparador dun movemento moi distinto, daquilo que se chamou 'nova canción galega'". Miro Casabella non foi un dos integrantes orixianais do movemento. En 1968 atopábase en Barcelona, estudando arquitectura (de aí algunhas cancións súas como No Desterro); e alí iniciou a súa experiencia musical, compartindo escenario xa en 1967 con algúns dos integrantes da nova canço catalá.
Pouco despois intégrase en Voces Ceibes, e comeza a ofrecer concertos en Cataluña, Galiza e mesmo en Francia, acompañando a Paco Ibáñez. En 1975 Voces Ceibes desfaise como grupo e Miro Casabella dá comezo ao Movemento Popular da Canción Galega, onde coincide con artistas moi diversos. En 1977, e con arranxos de José Mário Branco, ve a luz o disco Ti, Galiza, e dous anos máis tarde publicarase Treboada. Xa con Doa, Casabella publica O son da estrela escura en 1979. Nos traballos de Miro Casabella conviviron sempre o repertorio popular e tradicional, coas adaptacións de poetas galegos, como Novoneira, García-Bodaño, Marica Campo, Manuel María ou Bernardino Graña.
"Aquel movemento dos anos setenta foi esmorecendo", di Casabella, "porque moitos consideraban que xa cumpriran o seu cometido, e comezaron a ser apartados polo poder, ocupado pola dereita". "Despois de marchar de Doa quedei só, e con 'só' refírome tamén a que quedei esquecido e apartado, porque non estaba en sintonía coa Galiza populacheira da televisión, con moita cor e moitas gaitas", denuncia, que engade que seguiu cantando e compoñendo, "cantaba na casa, para un melros que sempre me viñan escoitar". En 2004 publicou Orballo, un traballo do que se laia que foi escurecido polos medios de comunicación.
Miro Casabella confesa estar "descolocado" polo momento que vive a música galega, "o folk vive sempre evolucións cíclicas, e agora parece que non está de moda, e promociónanse máis outras músicas que teñen unha meirande imaxe de modernidade". Casabella reclama dar máis importancia "á musica da palabra", e propón que sexa levada aos institutos, para a coñezan os rapaces.