O representante venezolano foi increpado por unha persoa do público polo seu discurso no Día da Resistencia Indíxena.
"Estamos a recibir numerosas chamadas e correos de apoio", afirma Pedro Ugueto, vicecónsul xeral de Venezuela en Galiza que, no entanto, prefire minimizar a importancia do acontecido en Baiona esta fin de semana.
O máximo representante venezolano no noso país, David Nieves, participou nos actos organizados pola Deputación de Pontevedra na vila miñorá con motivo do 12 de outubro -Día da Hispanidade para os españois, Día da Resistencia Indíxena para os latinoamericanos-, logo de ser designado representante do corpo consular, que foi quen recibiu a invitación do ente provincial.
Á lectura do seu discurso, onde Nieves fixo un repaso polo significado real que en Latinoamérica ten ese día e polos anos de "colonización a lume e ferro" que viñeron despois, un dos asistentes do público insultouno: ¡Sinvergüenza. ¡Vete para tu país, sinvergüenza! (Lercho! Lisca para o teu país, lercho!).
O individuo, segundo comenta Ugueto, foi rapidamente "neutralizado" polos asistentes que o rodeaban. Coincide con el Manuel Vilar, tenente de alcalde do municipio, que asegura que "non era nin de Baiona". "Tentou rebentar o acto, pero viuse só", engade, e salienta que no concello (gobernado en coalición polo PPdeG e Coalición Miñorana, ao que pertence) "estamos abertos a todas as ideas". Proba diso son as charlas que organiza alí o Igadi e nas que participan entre outros o embaixador de Bolivia, lembra Vilar.
O exaltado marchou do lugar sen ser identificado pola Policía e David Nieves puido continuar co seu discurso, cheo de palabras críticas cos tempos pasados máis conciliador para os presentes: "Hoxe queremos manifestarlle sinceramente o noso respecto ao Reino de España e ao goberno español, que compón un estado democrático que nada ten que ver con aquel reino das Españas escurantistas, que someteu Galiza cun plan chamado doma e castración".
"Castellanos de Castilla"
Ademais, o representante gobernamental repasou o importante labor desempeñado por algúns dos galegos máis ilustres e os seus descendentes en Venezuela. Así citou, por exemplo, ao ministro de Vivenda, Farruco Sexto; á ex ministra de Traballo, María Cristina Iglesias; e ao o director do xornal Aporrea, Gonzalo Gómez Freire.
Por último, sinalou Nieves: "Agora que empezo a ler á súa gran poeta nacional, a precursora do rexurdimento da súa cultura, Rosalía de Castro, comezo a saber e comprender o pobo galego cando ela exixe nun dos seus poemas: "Castellanos de Castilla tratade ben os galegos; cando van, van como rosas, cando vén, vén como negros".
O acto finalizou coa colocación de tres coroas de loureiro no monumento Encontro entre dous mundos, coa interpretación dos himnos galego e español a cargo da banda de música da Escola Naval de Marín e co disparo de dez salvas dende os canóns da fortaleza Conde de Gondomar. Ademais, entregóuselles o Premio Entreculturas, dotado con seis mil euros, ao Centro de Lalín en Bos Aires e ao Concello de Ponteareas, onde tamén goberna o PPdeG.