Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Máis Alá

Xestionado por Vieiros
RSS de Máis Alá
LIET LAVLUT

O 'Planeta 19' vai camiño de Laponia

O sábado 18, entre as oito e media e nove poderase votar na páxina do Festival para decidir a canción gañadora.

M.S.P. - 14:10 15/10/2008

Vigo-París-Estocolmo-Luleå. Ese é o camiño que lles espera o xoves pola mañá aos integrantes de Boy Elliott, que este martes facían en Ourense o último ensaio antes da gran cita do sábado. A banda chegará á cidade de Luleå pasadas as tres da tarde, momento no que xa será noite; descubrirán unha vila de algo máis de 50 mil habitantes, situada no Golfo de Botnia e cun porto cunha actividade moi importante de exportación de ferro pero que permanece pechado entre decembro e maio.

Será o primeiro contacto coa cidade na que o sábado se celebrará a quinta edición do Festival Europeo da Canción para Linguas Minorizadas Liet Lavlut. A axenda de actividade de Boy Elliott no festival estará moi completa, sobre todo a partir do venres. Ese día todos os grupos participantes realizarán un ensaio e unha proba de son no propio escenario do festival, despois de presentarse oficialmente perante os medios de comunicación locais. A seguir, terá lugar un concerto acústico, aberto ao público, no que participarán as bandas que o desexen; alí poderáse escoitar por vez primeira o Planeta 19 en terras laponas, "non levamos guitarras acústicas, só as eléctricas, pero se hai algunha por alí, seguro que subimos tocar". a xornada do venres finalizará cunha cea á que asistirán os once grupos que compiten no festival.

O sábado será o gran día, e Boy Elliott serán os primeiros en subir ao escenario, ao redor das sete da tarde. Calcúlase que o derradeiro grupo actuará ás oito e media da tarde. Nese momento o público poderá votar, ben a través do teléfono móbil, ben a través de Internet, para decidir o gañador. Só se poderá votar durante media hora, entre as oito e media e as nove.

Planeta 19
é a única canción pop-rock que participa nesta edición do festival, que ademais se veu caracterizando noutros anos polo predominio dos ritmos folk e máis pausados. "Todos temos as mesmas posibilidades", di Dani Boy Elliott, "e quen sabe se este ano non lle queren dar un cambio ao festival, premiando unha canción pop". "Non esperamos gañar, como tampouco o esperabamos de A Polo Ghit, pero quen sabe", conclúe. E Dani avisa dalgunha posíbel sorpresa: "ao chegar pode que miremos de aprender algunha cousa en lapón para o concerto".

Xira A Polo Ghit
Boy Elliott & The Plastic Bags iniciarán, á volta de Laponia, unha mini-xira polo país, denominada 'Xira A Polo Ghit', que os levará a seis locais entre novembro e decembro. Servirá para presentar o EP de sete cancións que editarán o mes que vén, que se distribuirá vía on-line, e en formato digipack nos seus concertos e a través da Lonxa Cultural. A banda, que o pasado venres actuou en Luar, presentados por Belén Regueira, coñecerá de primeira man o impacto que tivo o seu triunfo no concurso A Polo Ghit, "notamos que a xente fala máis de nós, sóalle o grupo e a canción, polo menos aquí en Ourense, e tanto no myspace como na nosa páxina aumentamos moito as visitas", destaca Dani.

21 de novembro. Fábrica de Chocolate, Vigo
22 de novembro. Clavicémbalo, Lugo
29 de novembro. Badulake, Ordes
12 de decembro. Salón Parroquial, Ponteareas
13 de decembro. Garufa, A Coruña
20 de decembro. Café Cultural Auriense, Ourense


5/5 (13 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



'Planeta 19', o pasado venres no Luar da Galega

Dúas imaxes da cidade e o porto de Lulea
Dúas imaxes da cidade e o porto de Lulea