Militantes de base instan o ex concelleiro Gonzalo Caballero a encabezar unha lista de "renovación" para a executiva do PSdeG na cidade.
Non será até o próximo 23 de outubro cando a militancia viguesa do PsdeG decida sobre o futuro inmediato da agrupación. Pero os movementos xa se aceleran cara a aquela data. Este luns coñeceuse da carta aberta coa que un grupo de militantes defende un "proxecto de cambio" para a agrupación local. Para liderar ese proceso propoñen o ex concelleiro Gonzalo Caballero.
O prazo de presentación de candidaturas está aberto deica o 21 de outubro, e non se descarta que as diversas correntes internas poidan chegar a algún pacto antes desa data. Con todo, queda claro que Vigo será unha vez máis apenas o único recanto en Galiza onde os socialistas afronten un importante debate interno nesta altura do proceso. Hai catro anos xa se presentaran até catro candidaturas, daquela encabezadas por Soledad Piñeiro, Miguel Barros, Gonzalo Caballero e Manel Gallego, este último finalmente elixido secretario da agrupación local.
Gallego xa avanzou que acudirá á reelección, un desafío para o que conta coa beizón da oficialidade, co propio alcalde Abel Caballero á fronte. Polo seu lado, o sempre activo ex rexedor Carlos Príncipe, falou a prol da formación dunha lista unitaria que integre todas as sensibilidades. Un diálogo que están dispostos a abrir tamén desde a corrente liderada por Gonzalo Caballero, crecentemente reforzado despois de obter o pasado mes de xullo o 35% dos apoios na escolla de delegados para o congreso do PSdeG.
Insistencia na "renovación"
"Non lle corresponde aos representantes institucionais fixar en exclusiva a posición política do partido", recolle o texto coñecido este luns e promovido desde esta última corrente, "debemos participar libremente e con responsabilidade no debate de ideas e a elección de órganos do partido".
O documento propón relanzar a participación activa da base do partido na vida política da organización e de xeito concreto, suxire un "cambio na agrupación socialista de Vigo" que abra unha "etapa de futuro" e onde se combinen elementos como a conformación dun partido "fortalecido e potente", con voz propia e na defensa dos intereses da cidade.
Avógase ademais por unha executiva que fomente a participación "democrática e participativa" dos militantes, onde se combine a "renovación e a integración" real da base e que consiga "peso institucional e político" para a cidade. Obxectivos todos eles para os cales solicitan un secretario xeral "forte", posto para o que postulan a Gonzalo Caballero. O texto acumula un cento de sinaturas de apoio recollidas durante a última semana. Apóiano entre outros a secretaria de Educación da Comisión Executiva Local, Celines Feijoo; o membro do Comité Nacional Galego, Miguel Temprano. Tamén os ex concelleiros Maribel Ayuso e Jorge Parada; o presidente da Asociación de Veciños de Teis, Antonio Collazo; ou o secretario de Organización das Xuventudes Socialistas, Miguel Ferreiroa.
Sen cambios na Coruña
Por outra parte, o alcalde da Coruña, Xavier Losada, foi reelixido este luns como secretario xeral da Agrupación Socialista Coruñesa. Losada explicou que na súa opinión a nova executiva combina "experiencia e xuventude" e que, con ela asumirá, "a responsabilidade de traballar intensamente por un proxecto novo, ilusionante e realista que dea resposta ás demandas inmediatas e futuras da cidadanía".
Losada sinalou que coa nova executiva, elixida esta noite en asemblea, se inicia "un novo camiño". "Somos e queremos ser o partido dos coruñeses, o instrumento que transforma a palabra e as ideas en feitos e realidades", dixo. Na nova executiva Xacinto Parga é secretario de Organización tomando o relevo a Mar Barcón. "A acción do secretario xeral e a nova estrutura política do partido na Coruña sustentarase sobre as figuras da voceiro do grupo municipal, Carme Marón, para poñer en valor o potente grupo municipal, e sobre o novo secretario de Organización, como referencia da renovación que se leva a cabo", engadiu Losada.