Os mariñáns demostraron que contan cun equipo capaz de facerlle fronte a un dos grandes. Os composteláns suaron para gañar cun 2-5.
O Burela Pescados Rubén volveu demostrar que, a pesar de militar na División de Prata, ten un cadro de xogadores ben potente, merecedor de estar na primeira división do fútbol estatal. De feito, fixéronlle pelexar ao Lobelle para conseguir o título. A Copa Galiza foi finalmente para os composteláns, que gañaron a final por 2-5.
Os de Burela atopábanse cómodos movendo o balón e facéndolle fronte á potente defensa do Lobelle, que facía presión en toda a cancha. As ocasións de gol foron moi claras para os dous equipos, pero os composteláns atoparon en Leitão o seu home-gol, quen protagonizou varias recuperacións que terminaron na portería contraria.
Era a primeira Copa Galiza que gañaba o Lobelle, e unha das máis disputadas da historia. O terceiro clasificado foi o Leis Pontevedra, e o cuarto o equipo anfitrión, o Azkar Lugo.