Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
ANÁLISE

Sudáfrica e os dereitos civís como horizonte dunha nova estratexia palestina

A loita por un estado independente cede terreo ante a tese de combater para acadar a igualdade de dereitos dentro do Estado de Israel. Unha reflexión de Alberto Arce para o IECAH.

Redacción - 10:50 12/10/2008

Dende 1991, fomos testemuñas, con luz e taquígrafos, do Proceso de Oslo, a Folla de Ruta e o actual Annapolis. Case dúas décadas de negociación, a todos os niveis e coa participación de todos os actores implicados. Tres intentos -tan sucesivos e imbricados o un co outro como errados- para chegar á creación negociada dun Estado palestino viábel e aceptado polos seus cidadáns. Dúas décadas perdidas para a paz e a xustiza. Dúas Intifadas. Miles de mortos. A securitización mundial acusando aos palestinos de terroristas e defendendo o Muro como o mellor instrumento para a seguridade de Israel. A economía palestina, esnaquizada. A Franxa de Gaza convertida nun campo de concentración ao aire libre. En Cisxordania, cidades como Qalquilya, pechadas totalmente polo Muro e co seu alcalde preso nun cárcere israelí (do mesmo xeito que a metade dos ministros do goberno palestino e varias decenas de deputados). Máis de 500 puntos de control militar (e aumentando) que imposibilitan o movemento de persoas e bens até dentro do territorio declarado "baixo control palestino". Un ritmo de construción de asentamentos en territorio ocupado que, segundo a organización pacifista israelí Peace Now, se multiplicou por 38 durante o ano 2008 até devir nunha perversa "matriz de control" en palabras do tamén israelí Jeff Halper (1), que describe o hipotético Estado palestino como unha serie de cantóns, "bantustanes", sen conexión física entre si.

Ese negativo balance está levando aos palestinos a propoñer unha modificación da súa estratexia. Aínda que no pasado a loita armada permitiu a algúns acadar os seus obxectivos (Alxeria, por exemplo), a medida que pasa o tempo, e no marco dominante da "guerra contra o terror", seguir empeñados nesa vía non só xera alienación dos apoios estranxeiros, por moi xusta que poida ser a causa que se defende, senón que nin é útil nin ética. Durante os últimos 40 anos, os palestinos obtiveron unha serie de vitorias que só foron morais. Dende a obxectividade, calquera observador cunha mínima perspectiva pode cualificar a situación xerada como o fracaso da Autoridade Palestina, practicamente inoperante na actualidade, e a caída do mito da estatalidade interina. Dende o punto de vista da creación dun Estado e unha estrutura administrativa e de provisión de servizos, o incremento constante da axuda económica -máis humanitaria e menos de desenvolvemento, a necesidade obriga- que prové basicamente a UE e outros doantes, cualifícase cada vez máis en Palestina como a mera "externalización económica da ocupación". O que se percibe é que se está xestionando a ocupación sen permitir avances políticos que lle poñan fin, perpetuando un proceso eterno sen resultados proveitosos para un pobo cada vez máis afastado do desenvolvemento e a xestión das súas institucións democráticas.

Mentres se mantén este impass político, foise reforzando o debate sobre a necesidade de adoptar estratexias alternativas á da loita pola liberación nacional nas fronteiras de 1967, aparentemente xa errada. Se é Israel quen impide as lexítimas ansias de liberdade do pobo palestino, nada máis útil que recoller aquilo que os líderes israelís considerarían como un auténtico desastre para tratar de dilucidar o camiño que parecen tomar as novas formulacións estratéxicas palestinos. O recentemente dimitido Ehud Olmert aseguraba, xa en 2003, que "cada vez hai menos palestinos interesados nunha solución negociada con dous Estados. Están interesados en cambiar a lóxica do conflito, dun paradigma alxerino a un paradigma surafricano. Dunha loita contra a ocupación -utilizando os seus propios termos- a unha loita pola igualdade. Trátase, obviamente, dunha loita moito máis limpa, moito máis popular e, finalmente, moito máis poderosa. Para nós significaría o final do Estado xudeu..."(2). En novembro de 2007, sendo xa Primeiro Ministro, reiterou as súas declaracións incidindo en que "enfrontarnos a un movemento de dereitos civís como o surafricano terminaría co Estado de Israel. Os nosos amigos no exterior, daríannos inmediatamente as costas, especialmente en Europa". (3).

Abraham Burg, ex presidente da Knesset e da Axencia Xudía, expresábase en maio deste mesmo ano na mesma dirección cando recordaba que "ao longo dos anos mantivemos a esperanza respecto desa solución (dous Estados). Fai 30 anos considerábanme un cabalo de Troia e até un traidor (por defendela). A día de hoxe, esa é até a posición do Primeiro Ministro. Desgraciadamente, creo que as horas da solución dos dous Estados xa son contadas. Avanzamos cara a un Estado único, de "señores" e "escravos", se Israel non é quen de liberarse dos colonos que o manteñen prisioneiro" (4).

Pola súa banda, Ahmed Qureia, negociador principal da Autoridade Palestina comezou a utilizar tamén este argumento en público recentemente, ante o principio do fin de Annapolis, ao soster que "o liderado palestino traballou para establecer un Estado palestino dentro das fronteiras de 1967. Se Israel continúa opóndose a esta realidade, a esixencia dos palestinos e o seu liderado será a dun Estado, un estado binacional"(5).

A nova postura palestina vén marcada pola publicación do informe final do Palestine Strategy Group (6), grupo formado por intelectuais e activistas políticos que contaron con financiamento da Unión Europea e o apoio do Grupo de investigación de Oxford. Na recente presentación do mesmo, un dos seus membros, Sam Bahour, definiu con claridade que "o proceso de paz sen fin, que creou unha industria da paz en Palestina, financiada polos contribuíntes de todo o planeta, non ten a intención de alcanzar a paz con xustiza, senón que parece dirixirse a fragmentar as aspiracións palestinas en unidades con forma estatal, a antítese de calquera concepto de soberanía"(7). Segundo o mesmo informe, a base desta afirmación radica en que "esixindo un Estado sobre o 22% da Palestina histórica, o que supón menos do 50% outorgado polo Plan de Partición das Nacións Unidas en 1947, os palestinos xa fixeron unha concesión sen precedentes. Se Israel non está disposto a aceptalo, non hai nada máis do que se poida falar".

Nesa mesma liña o New York Times entende que "até entre os palestinos máis moderados, a crenza nunha opción de dous Estados comeza a erosionarse [...] comezan a avisar de que apostarán por unha solución baseada nun único Estado cunha loita a longo prazo pola igualdade de dereitos dentro do Estado de Israel. Unha loita comparábel á que se desenvolveu en Sudáfrica" (8).

1 Jeff Halper é o director do Comité Israelí contra a Demolición de Fogares Palestinos (ICAHD). Foi nomeado ao Premio Nobel da Paz en 2006.
2 Ehud Olmert en entrevista ao diario Haaretz o 13 de novembro de 2003.
3 The Guardian, 30 de novembro de 2007.
4 Entrevista de Regis Debray a Abraham Burg. Lle Nouvel Observateur. Maio de 2008.
5 Haaretz. 11 de agosto de 2008.
6 www.palestinestrategygroup.ps
7 "A coexistencia baixo ocupación non é unha alternativa": Sam Bahour, electronic intifada, 5 de setembro de 2008.
8 New York Times, 3 de setembro de 2008, "Diminúe o apoio á solución dos dous Estados".


Ligazóns

5/5 (3 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: