Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Máis Alá

Xestionado por Vieiros
RSS de Máis Alá
LE CLÉZIO: O NÓBEL NON ARRISCOU

Un autor moi consolidado cunha única tradución ao galego

Os nosos autores destacan que se optou por un autor consagrado nas letras francesas, que podemos ler en galego en 'Mondo e outras historias' (Xerais, 1987).

M.S.P. - 16:30 09/10/2008

Carlos Lema, director editorial de Galaxia, salienta que se optou por un autor consagrado, "un dos grandes autores franceses contemporaneos", na mesma liña que o pasado ano con Doris Lessing, "ambos os dous con status moi consolidados nos seus sistema literarios". Non arriscou o premio polo tanto, recoñecendo a obra dun creador pertencente á academia, ao centro do sistema. Xavier Queipo recoñece que a obra de Le Clézio o marcou moito no seu momento, "polo seu estilo, que mestura a novela de aventuras coa reflexión interior".

Para Queipo, é certo que Le Clézio non innova formalmente, "é un contador de historias que emprega a narrativa clásica", pero defende que se trata dun autor moi sólido: "un pouco no estilo de Kapuscinsky, combina a viaxe e a aventura, afondando nas culturas dos personaxes das súas novelas, moitas veces cidadáns de países africanos ou asiáticos que chegan á metrópole". Xavier Queipo destaca Os buscadores de ouro como a súa novela favorita do autor.

"Xa lle tocaba a Francia", dixo Marcos S. Calveiro nada máis coñecer a nova do premio, que con certo desagrado concordou en que o Nóbel premia de novo a un autor consagrado. O mesmo pensa Manuel Bragado, director de Xerais, que destaca como o Nóbel adopta de continuo "posicións centristas", deixando de lado "tanto aos autores norteamericanos como ás linguas minoritarias". Bragado liga a Le Clézio con Robbe-Grillet, falecido hai uns meses e representante máis destacado do nouveau roman, no que hai que adscribir a Le Clézio igualmente: "entendo o premio, en parte, como unha homenaxe xeracional". Mesmo dentro da literatura francesa, os autores consultados apuntan outros nomes que ao seu xuízo achegan máis valor á literatura contemporánea; por exemplo, Lema cita a Jean Echenoz ou Patrick Chamoiseau.

Francia levaba 23 anos sen recibir o Nóbel, dende que Claude Simon foi recoñecido en 1985, e a Academia sueca debeu pensar que xa tocaba. Porén o premio outorgado ao escritor de orixe chinesa Gao Xingjian no ano 2000 pode considerse un premio ás letras francesas en gran parte, ao escribir parta da súa obra nesta lingua, e formar parte daquel sistema literario.

Unha única tradución ao galego
Le Clézio é un autor clave na literatura francesa da segunda metade do século XX, pero non tan coñecido no exterior. De feito en galego podemos atopar unha única tradución, Mondo e outras historias, publicado por Xerais en 1987. O libro foi traducido polo recentemente homenaxeado Valentín Arias e por Raquel Villanueva. "Foi un encargo que me fixo a editorial", di Arias, "pero como eu estaba moi ocupado nese momento, finalmente a tradución fixémola a medias entre os dous". O libro obtivo en 1989 o Premio Ramón Cabanillas e mais o premio estatal á mellor tradución.

A obra obtivo unha acollida moi boa entre os lectores, salienta Bragado, e de feito está esgotada dende o ano 2000. Xerais xa iniciou os correspondentes procesos para lanzar unha reedición. Na obra, un conxunto de rapaces e rapazas descobren as súas propias fantasías grazas a viaxes que realizan a través do poder de imaxinación. Son adolescentes, cos seus problemas, que procuran a natureza como elemento liberador.


Ligazóns

4,29/5 (7 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: