O sábado comezan as proxeccións, cunha gala de inauguración na que actuará Mercedes Peón e se estreará o documental 'Eloxio da Distancia'.
300 filmes, 114 na sección competitiva, 13 seccións temáticas... O Festival Internacional de Cine de Ourense é o festival, o único que pode merecer ese nome entre os certames xeneralistas en Galiza. Este sábado arrinca unha nova edición, a décimo terceira, con importantes novidades. Cambia de datas, de novembro a outubro, para evitar a fatal e inexplicábel coincidencia co Cineuropa compostelán, mais tamén con outros festivais europeos, como Turín ou Salónica. Cambia de ubicación na propia cidade de Ourense, concentrando as súas actividades canda ao Auditorio da cidade, cunha carpa anexa que estará aberta de 11 a 23 horas.
E cambia tamén de equipo xestor; é certo que xa Enrique Nicanor dirixiu o festival no 2007, pero só a partir de setembro, polo que non puido ocuparse do deseño das seccións ou a selección dos filmes. Pode considerarse, polo tanto, que este é a primeira edición da nova etapa do festival, que o pasado ano apostaba por 'reinventarse'. Ourense faise máis ambicioso, ofrecendo non só proxeccións, senón tamén procurando estabelecerse como un espazo de intercambio comercial, de formación de mercados e de axuda ás novas producións.
O festival arrinca o sábado 11, cunha gala de inauguración na que actuará Mercedes Peón e se estreará o documental Eloxio da Distancia, unha estrea absoluta a nivel internacional. O filme, realizado por Julio Llamazares e Felipe Vega, segue, ao longo dun ano, o ritmo que marcan as estacións, o devalar da vida nas Terras de Burón, no leste de Lugo.
Seccións competitivas
O xurado que debe valorar os 114 filmes seleccionados, en categorías de longametraxe, curtametraxe, documental, animación, novos medios e no premio 'Eixo Atlántico', está formado por grandes nomes, como Jacqueline Pierreux, Xavier D'Arthuys, Marina Anna Eich, Raúl Veiga, Sylvia Stevens, Alessandro Signetto, Jacques Laurent ou Martin Pawley. Os premios, que se entregarán o sábado 18, roldan os setenta mil euros, destacando o premio do público ao mellor filme, dotado con 18 mil, o premio do público, con cinco mil, ou o 'Carlos Velo' ao mellor director, con outros cinco mil.
Unha ducia de ciclos temáticos
Ademais das películas que optan aos premios, o festival amosará outros douscentos filmes nunha ducia de seccións temáticas, que teñen en común a súa preocupación polas cuestións sociais e o seu interese polo cinema latinoamericano. A emigración, a muller, o cinema de temática homosexual, a memoria histórica terán candanseu ciclo. 'Visións de América Latina' e 'Cuba si' amosarán o cinema máis recente do continente americano, facendo fincapé en particular nas coprodución realizadas con empresas galegas.
Ademais, en 'Panorama Galicia' proxectaranse até 76 filmes, longas e curtametraxes, sen dúbida o máis destacado da produción do audiovisual do país nos últimos dous anos.
Foros e actividades paralelas
En paralelo coas proxeccións do festival, celebraranse na cidade debates e obradoiros, que procuran darlle ao certame unha dimensión máis global. Así, os días 14 e 15 a Sala de Congresos 2 do Auditorio Municipal de Ourense acollerá o foro de debate 'A Lingua Fendida. O Galego no Audiovisual', organizado en asociación coa Academia Galega do Audiovisual; estudaranse e debateranse os diferentes aspectos da relación entre o audiovisual e a lingua galega, dende diferentes puntos de vista, con atención específica á dobraxe. Ademais, o festival organiza tres clases maxistrais impartidas por expertos do Programa Media da UE. Trátase dunha cita imprescindíbel para actualizarse e poñerse ao día das novas tendencias creativas, financieiras e de co-produción internacionais.