Os electores do país sudamericano usaron máquinas de votación con software libre, que se poden probar mediante un simulador na web.
Simulador da urna electrónica
Máis de 120 millóns de habitantes do Brasil votaron nos recentes comicios locais, en primeira e segunda volta, de xeito electrónico, como levan podendo facer dende hai unha década. Pero a principal característica das máquinas de votación é que funcionan mediante Linux.
O feito de usar software libre posibilitou que expertos informáticos de cada partido puidesen previamente controlar e revisar todo o software da máquina, da que se distribuíron 430 mil unidades por todo o país.
Os dispositivos comezaron usando o sistema operativo VirtuOS, dende 1996, pero, por problemas de licenzas, pasáronse no ano 2002 ao Windows CE. Finalmente, en 2004 decidiuse reducir custos e pasarse a Linux. As próximas previsións son que se poida identificar o votante mediante as súas pegadas dixitais nos comicios de 2012.
O goberno do Brasil ten na web unha aplicación java que permite experimentar o voto electrónico dende o navegador de internet. As candidaturas foron substituídas por partidos inventados, que contan con personaxes históricos brasileiros nas súas listas.