Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
PREMIOS 2008

O Nobel de Química vai para os descubridores da proteína verde fluorescente

Osamu Shinomura, Martin Chalfie e Roger Y. Tsien repartiranse a partes iguais o importe do galardón.

Redacción - 13:05 08/10/2008

Os investigadores Osamu Shinomura, xaponés, e Martin Chalfie e Roger Y. Tsien, estadounidenses, gañaron o Premio Nobel de Química de 2008. A Real Academia Sueca das Ciencias considerou que merecía este recoñecemento o seu descubrimento e desenvolvemento da proteína verde fluorescente GFP. A proteína serve de marcador e permitiulles aos científicos observar procesos como o desenvolvemento das células nerviosas ou a extensión do cancro.

Shinomura, nado en 1928 en Quioto, é profesor emérito do Laboratorio de Bioloxía Marítima de Woods Hole e da Universidade Médica de Boston (EUA). Martin Chalfie, nado en 1947, exerce de profesor de Bioloxía na Universidade de Columbia, mentres que Roger Y. Tsien (1952) é profesor na Universidade de California, en San Diego. Entre os tres repartiranse os 10 millóns de coroas suecas do premio.

A proteína verde fluorescente (GFP) observouse por primeira vez en 1962 na medusa Aequorea Victoria. Dende entón, segundo a academia sueca, "esta proteína converteuse nunha das ferramentas máis importantes na ciencia biolóxica contemporánea. Coa súa axuda, os investigadores atoparon o xeito de observar procesos que até entón eran invisíbeis".


5/5 (2 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: