Henrique Tello, do BNG, acusou os populares de "estar do lado dos verdugos".
O pleno municipal da Coruña aprobou este luns, cos votos favorábeis de PSdeG e BNG e o voto en contra do PPdeG, a proposta do alcalde da cidade de elaborar un ditame para a aplicación da Lei sobre a eliminación de símbolos da Guerra Civil e a ditadura franquista. Os tres grupos municipais poderán presentar as súas propostas sobre os expertos que deben conformar esta comisión, que finalmente elixirá o alcalde, Xavier Losada.
Carlos González-Garcés, concelleiro de Educación, desexou "consenso" e que a elección dos asesores se realizase "sen condicionamento previo para dar dereito aos cidadáns, e que os símbolos sexan ocasión de encontro e non de enfrontamento". Pola súa banda, o voceiro dos nacionalistas da Coruña, Henrique Tello, afirmou que a aprobación "non é só un paso administrativo", senón o inicio dun procedemento "para situar a historia e os seus protagonistas" e "restaurar a memoria e a dignidade". "Non é boa, nin mala, senón xusta", sentenciou. Tello considerou "ferinte" que sexan homenaxeados con estatuas e rúas "os que levaron a cabo un exterminio contra os débiles".
Pola contra, o Partido Popular votou en contra, aproveitando que foran rexeitadas dúas emendas súas. Os populares pedían a supresión dun parágrafo no que Javier Losada estende a Ditadura dende 1936 até 1977, e solicitaban igualmente que o alcalde non tivese a potestade de nomear os asesores que guiarán o proceso. En consecuencia, Tello acusou os populares de "estar do lado dos verdugos".
Estatuas, escudos e ducias de rúas
En varias cidades galegas a simboloxía franquista foi desaparecendo de xeito paseniño nos últimos anos. En Ferrol, por exemplo, só resta por eliminar a Cruz dos Caídos situada na praza de Amboaxe, e en Vigo o Concello chegou a un acordo co Bispado de Tui-Vigo para retirar das fachadas dos edificios relixiosos os elementos visuais relacionados coa ditadura. Porén, até o de agora non se pode dicir o mesmo da Coruña: a estatua de Millán Astray aínda é o centro dunha praza a escasos metros da praza de María Pita, unha das vías de entrada na cidade continúa sendo o 'Viaduto do Generalísimo', e José Antonio ou Calvo Sotelo continúan dando nome a colexios, cantóns e rúas.
O texto aprobado este luns na Coruña é o primeiro paso para que do rueiro da cidade desparezan nomes como Rúa División Azul, Avenida Alférez Provisional, Rúa Comandante Barja, Praza de Enrique Cánovas Lacruz ou Praza de José Toubes Peto.
Garzón xa ten os 4.396 nomes galegos
As asociacións para a recuperación da Memoria Histórica presentaron este luns, perante o xuíz da Audiencia Nacional, Baltasar Garzón, un listado único de 133.708 vítimas, 4.396 de Galicia, da Guerra Civil e a posterior represión franquista da que se eliminaron as identidades duplicadas que estes colectivos entregaron en setembro. O avogado das asociacións, Fernando Magán, amosouse convencido de que a petición dos querelantes, 22 asociacións e dez particulares, é "xuridicamente sostíbel en liña cos precedentes da Audiencia Nacional". "Moi logo teremos o auto que esperamos", augurou.
Na documentación que a Consellaría de Cultura lle remitiu a Baltasar Garzón, os 4.396 nomes de vítimas do franquismo están completos, e aparecen a carón dos lugares onde se atopan soterrados os seus posuidores, coa descrición das causas das súas mortes, descritas, entre 1936 e 1939, polos seus asasinos. Ademais do censo, o xuíz Garzón recibiu un mapa que recolle 305 "lugares de represión", que foron escenario de fusilamentos e paseos ou soterramentos. Tamén hai cárceres e predios nos que se practicou a tortura e 26 foxas e 11 puntos da costa nos que se deitaban os cadáveres.