O Departamento de Defensa dos Estados Unidos asigna este orzamento para o que cualifica de "operacións de información psicolóxica".
O control da prensa iraquí foi desde o comezo un dos eixos estratéxicos dos que se preocupou o goberno estadounidense despois da invasión do país e ten sido noticia noutras ocasións. Esta semana coñecemos da última inxección económica que o goberno Bush estabeleceu neste apartado, 220 millóns de euros a investir en tres anos coa fin de producir informacións, programas de lecer e anuncios destinados aos medios de comunicación de Iraq. A fin é "captar e inspirar" o apoio da poboación local cara aos obxectivos dos EUA e do propio goberno iraquí.
En declaracións ao Washington Post, membros do Pentágono admiten que en moitos casos os media iraquís ignoran que diversos materiais que emiten foron producidos e pagados polo propio goberno estadounidense. A administración EUA xustifica o proceder argumentando que se trata dunha batalla por gañar o favor dos cidadáns fronte á presión e os propios materiais dos que acusan de distribuír á rede al-Qaeda. Ao tempo, falan tamén da necesidade de combater a crecente influencia do veciño Irán.