A publicación 'Annals of Improbable Research' entregou os premios aos traballos científicos máis peculiares en dez categorías.
Un ano máis, e unha semana antes de que se fagan públicos os premios Nobel, Annals of Improbable Research concedeu os galardóns Ig Nobel. que recoñecen as investigacións científicas máis absurdas en diferentes campos.
O premio na categoría de Nutrición levouno un traballo de Massimiliano Zampini, da Universidade de Trento, e Charles Spence, da de Oxford, por modificar o son dunha pataca fritida resesa para convencer o suxeito do experimento de que estaba fresca e crocante.
Na categoría de Bioloxía, tres investigadores da Escola de Veterinaria de Tolosa demostraron que as pulgas dos cans saltan máis alto ca as dos gatos. Mentres, en Química recoñecéronse dous traballos con resultados contraditorios: un das universidades de Porto Rico e Harvard e os centros de Fertilidade de Nova Inglaterra que demostraba que a Coca-Cola é un espermicida efectivo e outro de estudosos taiwaneses que descubriu xusto o contrario.
Outros premiados foron unha investigación sobre o principio legal de que as plantas teñen dignidade (Paz), a influencia negativa dos armadillos nas escavacións (Arqueoloxía), a maior efectividade dos medicamentos falsos caros fronte aos baratos (Medicina), como as amebas poden resolver labirintos (Ciencias do coñecemento), a relación entre o ciclo de ovulación e as propinas que reciben as bailarinas (Economía), a demostración matemática de que os fíos sempre se acaban enleando (Física), mentres que o de Literatura foi para Cabrón: exploración narrativa da experiencia da indignación nas organizacións.
En case todos os casos, acudiu a recoller o premio algún representante das investigacións recoñecidas.