A principal prioridade do PP e do BNG é garantir o voto en urna dos emigrantes, mentres o PSOE opta pola participación dos inmigrantes nas municipais.
Este xoves comezaron as reunións da subcomisión do Congreso dos Deputados que analizará as posibilidades de reformar a Lei Electoral. Cada formación política terá quince días de prazo para expoñer as súas prioridades.
O PP e o BNG coinciden no obxectivo de permitir que os emigrantes poidan votar en urna nos consulados, como aprobou o Parlamento por unanimidade, de cara ás eleccións galegas de 2009. Porén, os socialistas teñen como principal prioridade garantir o voto dos imigrantes nas próximas municipais.
CiU ten como primeira pretensión que se reforme o sistema para que a circunscrición electoral para o Parlamento Europeo sexa a comunidade autónoma, e non todo o estado, para os comicios de xuño de 2009. A proposta xa foi rexeitada polo PP e mais polo PSOE.
Izquierda Unida e Unión, Progreso y Democracia marcaron a meta de mellorar a proporcionalidade electoral, coa ampliación a 400 deputados no Congreso para que as formacións minoritarias poidan optar a escano.