Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Máis Alá

Xestionado por Vieiros
RSS de Máis Alá
DO 25 AO 31 DE OUTUBRO

Amal, un festival para "abrir os ollos"

Poderanse ver unha ducia de filmes na sección oficial, ademais dunha vintena de curtametraxes, e outras películas fóra de competición.

M.S.P. - 13:30 02/10/2008

Amal pechará un mes de outubro marcado polo cinema, e que terá en Ourense a súa capital entre os días 11 e 18. O Festival de Cine Árabe aposta por un camiño diferente, por unha cinematografía distinta, en crecemento, e que continúa sendo escasamente coñecida en Galiza. Ese é o obxectivo: dar a coñecer esta nova realidade e "abrir os ollos" en palabras de Eduardo Galán, membro do xurado, e estabelecer un diálogo, "non falar do mundo árabe, senón co mundo árabe", segundo Ghaleb Jaber Martínez, director do festival.

Eduardo Galán, director de programación da TVG, destacou ademais a forma en que el mesmo rachou moitos preconceptos no momento en que se achegou a este cinema, "sorprendente, porque non elude ningún tema, dende a sexualidade, a historia terxiversada ou a violencia". Outras sorprenden, ademais, "polo feito de que se realicen filmes como estes, moi arriscados e combativos, en cinematografías europeas moi asentadas, ás que revitalizan. É un contraste moi interesante", di Galán.

As seis longametraxes de ficcion seleccionadas para o Amal 2008 son Waiting for Pasolini (Daoud Aoulad Syad, Marruecos, 2007), Andalucía (Alain Gomis, Francia e España, 2006), Ahlaam (Mohamed Al - Daradji, Irak, 2006), Baixo o mesmo ceo (Sílvia Munt, España, 2008), La Maison Jaune (Amor Hakkar, Francia e Alxeria, 2007), Marrakech Inshallah (Christian e Steffen Pierce, EEUU, 2007). Na sección de documental competirán Tiro Libre (Marcelo Piña Lorca, Chile, Exipto e EEUU, 2007), After de War (Samir Abdallah, Egipto, Líbano e Francia, 2008), A Jihad for love (Parvez Sharma, EEUU, 2007), Son Palestino, Osama Qashoo, Palestina, Cuba e Reino Unido, 2008) e Atlas Bereber (Moisés Salama Benarroch, España, 2008).

Ademais, en Amal poderán verse un total de vinte curtametraxes, tanto de ficción como curtametraxes. Todas estas procucións poderán verse na Fundación Caixagalicia de Santiago de Compostela entre o 25 e o 31 de outubro, en sesións que comezarán ás 18.30 horas. Outra das grandes novidades do festival é a realización dun obradoiro de análise da linguaxe cinematográfica do documental árabe, realizado en colaboración coa USC e impartido polo director exipcio Basel Ramsis, gañador do premio do público o pasado ano.

O xurado estará composto, entre outros, por Magda Wasset (presidenta), delegada xeral da Bienal de Cine Árabe de París e directora do departamento de cine do Instituto del Mundo Árabe de París; e Abbas Arnaout, director do Festival Internacional de documentales da canle Al Jazeera. Ademais, tamén estará formado por Amalia Blanco Lucas, directora xeral corporativa de Vértice 360º, Eduardo Galán, director de programación da Televisión de Galicia, Basel Ramsis, director de cine documental e comisario de proxectos de cine con Casa Árabe, e Alejandro Barreiro Muimelo, especialista de Cine no programa "Miradas 2" de Televisión Española.

O festival abrirase o sábado 25 no Teatro Principal, nunha gala na que se proxectará Rompe o día, estrea absoluta no Estado Español, e que contará coa presenza da súa directora, o produtor e a protagonista. Dáse a circunstancia de que o filme chegou como proxecto ao 'Foro de Coprodución' realizado en Santiago en 2004, onde atopou os apoios necesarios para a súa realización.

Para pechar o festival, música
Amal diversifica os seus contidos e nesta edición achegará a Galiza a música árabe, o mesmo que o cine. Speed Caravan porá o pecho ao Festival, cun concerto que terá lugar na Sala Capitol o 31 de outubro. A banda está liderada polo alxerino Mehdi Haddab, que nos últimos anos revolucionou o láude cun toque persoal no que predomina a electricidade, e mesturando a música oriental e o rock. Haddab ten colaborado con Rachid Taha, Rodolphe Burger, Rocky e MC Spex, ex membros de Asia Dub Foundation, ou Frank Vaillant (Lo Jo) na batería e Christophe Schwob (Jad Wio) nas programacións. No seu repertorio incorpora éxitos internacionais como Galvanize, de The Chemical Brothers, ou Killing an Arab de The Cure.


1/5 (1 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: