A intervención policial, a máis importante da historia no Estado Español, rematou con 121 detidos, 11 galegos.
A operación máis importante feita no Estado Español contra a pornografía infantil na internet saldouse con 121 persoas detidas. Delas, un era espía do Centro Nacional de Intelixencia (CNI), outro formaba parte da Policía Nacional e un máis era aspirante á Garda Civil.
A denominada 'Operación Carrusel', feita pública este mércores pola Brigada de Investigación Tecnolóxica (BIT), conta con 11 galegos entre as persoas imputadas. Por idades, a maioría tiñan entre 31 e 40 anos, seguidos dos menores de 30. As súas profesións variaban entre informáticos (15), profesionais liberais (16), funcionarios (12), estudantes (4) e desempregados (27).
Na operación colaboraron forzas de seguridade de 75 países. De feito, as investigacións iniciáronse o ano pasado no Brasil, estudando os usuarios da rede Edonkey que descargasen, cando menos, tres arquivos de pornografía infantil. No operativo, que segue aberto, rexistráronse 210 domicilios.