Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
PROXECTO RÍOS

Esta fin de semana... a poñer as botas

Adega organiza unha xornada de limpeza de ríos simultánea en 22 concellos. Xa se apuntaron perto de 240 grupos de voluntarios.

Redacción - 10:40 04/10/2008
Coas bolsas do lixo cheas, despois de limpar o río / Imaxe: Adega

Coas bolsas do lixo cheas, despois de limpar o río / Imaxe: Adega

Un dos problemas máis salientábeis que sofren os nosos ríos é a gran cantidade de lixo que aparece nos seus leitos e ribeiras. Para tratar de minimizar esta situación, uns 240 grupos de voluntarios analizarán este sábado o estado no que se atopan a meirande parte dos regos fluviais do país, nunha campaña que organiza a Asociación Ecoloxista de Galiza (Adega). Trátase dunha limpeza simultánea en 22 concellos para a que se establecerá un protocolo de actuación, de xeito que o traballo se faga de forma ecolóxica e respectuosa cos ecosistemas. Especial atención prestarase ao perigo das especies foráneas nos ecosistemas galegos que, segundo os ecoloxistas, son a segunda causa principal da perda da biodiversidade no planeta.

Informe anual
Dende o Proxecto Ríos márcanse o obxectivo de concienciar á sociedade da necesidade de mantelos limpos, como premisa para a conservación da súa saúde. Con todo, a limpeza non pretende ser unha actividade illada, dun só día. Pola contra, dende Adega alertan de que cómpre desenvolver actitudes responsábeis cara o medio natural e reiteran que depende de todos frear a contaminación.

Precisamente esta iniciativa favorecerá unha recollida de datos que permita coñecer o estado dos cursos fluviais, mediante a análise de invertebrados, a fauna, a flora ou o estado químico da auga. Con toda esta información elaborarase un informe anual sobre os ríos galegos.


Ligazóns

5/5 (6 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: