Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Máis Alá

Xestionado por Vieiros
RSS de Máis Alá
VALENTÍN ARIAS, HOMENAXEADO NO DÍA DA TRADUCIÓN

"Non lle podes pedir a un lector que non lea un libro en castelán e agarde a que chegue en galego"

A homenaxe que se lle realiza este martes en Vigo supón o acto central da celebración en Galiza do Día Internacional da Tradución.

Marcos S. Pérez - 13:00 30/09/2008

Foi presidente e membro fundador da Asociación de Tradutores Galegos en 1984, e é unha das figuras pioneiras da tradución en Galiza. Entre outras obras traduciu O estranxeiro de Camus, Voo de noite de Antoine de Saint-Exupery, A fractura do miocardio de Jacques Fansten, varias obras de Xulio Verne (Viaxe ao centro da terra ou A volta ao mundo en 80 días) e unha gran cantidade de títulos de literatura xuvenil e infantil. Mestre, tivo unha participación destacada nos movementos de renovación pedagóxica e de galeguización do ensino. O Auditorio do Centro Social Caixanova, en Vigo, acolle a homenaxe que a partir das sete da tarde lle renderá a Consellaría de Cultura, coa presenza de Ánxela Bugallo.

Destácase que estamos vivindo un auxe da tradución en Galiza. Como ve vostede o momento actual?

Creo que é esperanzador. Hai un desenvolvemento na calidade das traducións en galego, que xa podemos considerar que están á altura de calquera lingua do mundo. O que vexo, en calquera caso, e é preocupante, é un ritmo lento de máis na aceleración da cantidade de traducións que se fan cada ano. Hai moitas cousas que se non traducimos no seu momento, xa perdemos o tren. E non falo só de literatura, senón tamén de obras de ensaio, de ciencia, obras técnicas, que debemos poñer a disposición de todos os galegos no momento en que se publican en calquera lugar do mundo. Isto, ou se fai no tempo, ou non se fai. Non se lle pode pedir a un lector que non lea un libro en castelán e agarde a que unha obra chegue por fin ao galego.

Esta publicación inmediata, en paralelo co castelán e outras linguas, si se está a facer co algúns lanzamentos literarios de moda, como Auster, ou Harry Potter, cun obxectivo comercial de competir coas edicións castelás...

Si, debe funcionar o beneficio comercial para que o sistema funcione. Pero o que digo é que uns poucos exemplos non abondan. Ou é todo ou non serve para normalizar de verdade a lingua.

Que cambiou dende os anos setenta ou oitenta, cando vostede funda a Asociación de Tradutores, por exemplo?
O gran cambio produciuse nos anos oitenta, coa introdución do ensino en galego. Daquela comeza a haber a posibilidade de publicar traducións. Antes iamos traducindo algunhas cousas, pero traducir para deixar un libro no caixón pode ter o valor da satisfacción persoal, pero non ten transcendencia para a lingua.

Pódese dicir que antes traducir tiña o valor demostrativo de que en galego si se podían facer obras de todo tipo, en todos os xéneros, e agora ten unha utilidade real...
Si, nos anos setenta dispersabamos os esforzos, traduciamos un pouco de todo, para amosarlle ao mundo que na nosa lingua se podía publicar de todo, que servía. Pero nos oitenta, xa co galego na escola, un grupo de xente decidimos facer moito fincapé nas traducións, ensinar a lingua, pero non en abstracto, senón cos obras diante. E non queríamos ficar na autocompracencia de ensinar só con textos escritos orixinalmente en galego. E fixemos un esforzo moi importante na tradución de literatura dirixida aos lectores infantís e xuvenís.

E agora, cal é o seguinte paso?
Agora xa temos unhas xeracións que por ter aprendido o galego na escola, non teñen xa ese sentimento de inferioridade, e non teñen deficiencias na lectura. Por iso temos que ofrecerlles a opción de poder ler en galego. Teñen que telos ao mesmo tempo ca en castelán. Despois, que elixan a lingua na que queren ler, pero non poden ser que tomen a decisión obrigados, porque só teñen a edición en castelán.

E a tradución inversa? Como analiza o momento da tradución do galego a outras linguas?
É moi necesario que as obras galegas se traduzan a outras linguas para influírmos no discorrer do mundo. E a administración ten que potenciar isto, para que cada vez se traduza máis a outras linguas. A administración ten que empregarse moi a fondo nisto. Para facilitar a comunicación nun mundo no que cada vez é máis necesario comunicarse.

Como recibe este premio? Como o interpreta?
Este tipo de premios son imprescindíbeis para que se faga público o mundo da tradución. Porque neste país segue existindo un gran descoñecemento tanto dos procesos de tradución, como das traducións existentes. Vouche contar unha anécdota que ilustra isto. Hai uns anos fun a un colexio para falar sobre a tradución que fixeramos de Contos por teléfono de Rodari. Tanto os alumnos coma o profesor estaban agardando para preguntarme 'como me atrevera a incluír no libro un conto a maiores'. O que sucedía é que na edición castelán, que eles tamén tiñan, faltaba un conto en relación co orixinal italiano, un conto que nós si metéramos en galego. Tomaban a edición castelá como único referente, tíñana mitificada.

A tradución é un dos piares na normalización da lingua, polo tanto?
Normalizar a lingua é normalizar as persoas, non o esquezamos. Hai xente que di 'a min pouco me importa se a lingua está ben ou mal, se está normalizado o seu uso ou non'. Pero se a túa lingua non está normalizada, ti como persoa sénteste inferior. E de aí ven o autoodio.


4,37/5 (19 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: