A fin do Ramadán coincide coa celebración do ano novo 5769 do calendario xudeu, unha cifra próxima ao número de mortos da Segunda Intifada.
Durante o mes de Ramadán, o noveno no calendario musulmán, a xente que profesa o Islam xaxúa dende que sae o sol ata que se pon. Este xaxún supón unha privación de comida, bebida e relacións sexuais durante todo o día, e é obrigatorio para todos aqueles adultos que poidan realizalo. O sufrimento das horas de luz pretende afastar os desexos carnais dos fieis, amais de limpar a alma e axudar a comprender o que senten os máis necesitados.
Malia ser un período difícil, que se acrecenta cando este mes sagrado coincide co verán, no que os días son máis longos cás noites, o Ramadán é un mes de euforia e festexos. O iftar, ao acabar o día, é a hora na que se rompe o xaxún e na que as xuntanzas entre familiares e amigos dan un sentido de socialización e alegría a todas as noites do mes. Preto de quince minutos despois da posta do sol, é o momento exacto para comezar a comer. Nas horas anteriores prepáranse os pratos que, normalmente, sempre inclúen dátiles. E é que, segundo conta a tradición, o profeta Mahoma comeu un dátil antes de comezar co resto da comida.
Os avisos que dan permiso para romper este xaxún mestúranse co bulicio no interior das casas e o silencio no exterior. As rúas baleiras e os fogares cheos son a imaxe diaria destas horas, nas que se goza coa comida e a compañía. Pouco despois do iftar, o muezín sobe ao minarete da mesquita e dende alí chama os fieis para avisar da hora do quinto rezo do día. No templo xúntanse familias e veciños, nun centro de reunión espiritual e social que permite esquecer ese decorrer diario, ás veces monótono pola repetición de eventos inusuais.
Militares nas mesquitas
Nestas visitas á mesquita, igual que nas que se fan de casa en casa desexando o mellor, as fes únense, e cristiáns e musulmáns adoitan compartir festexos. O interior dos templos e as súas horas de rezo son respectados para que cadaquén celebre e ore do xeito que considera axeitado. Con todo, as continuas incursións israelís nos Territorios permiten asaltos en calquera lugar e momento. Así, hai uns días, nunha das mesquitas de Nablus, un grupo de militares entrou durante a hora do rezo coa escusa de estar na procura dun presunto terrorista. Os disparos de gases alarmaron a xente, que só se deitou no chan esperando que chegase a súa saída, unha hora despois.
Hoxe, os saúdos e xuntanzas repítense. A fin do Ramadán coincide coa celebración do ano novo 5769 do calendario xudeu, unha cifra próxima ao número de mortos que a Segunda Intifada leva provocado neste seu oitavo aniversario. Felices Festas!
*Addendum no Día da Tradución:
Amais de berce das tres grandes relixións monoteístas, Terra Santa foi o fogar de San Xerome, patrón dos tradutores, que viviu os últimos anos da súa vida en Belén. Alí, nun territorio escurecido polas novas sempre presentes, esqueceuse o vulgo de que San Xerome, nos 34 anos que pasou na cidade, fundou un mosteiro e traduciu a Biblia ao latín, a Vulgata, outra celebración a engadir a un territorio cheo de eventos.