Esta fin de semana o exército Irmandiño tomou o castelo de Monterrei polas armas para loitar contra os abusos da caste feudal.
Enviado pola Irmandade Xeral do Reino de Galiza, o exército dos Irmandiños tomou esta fin de semana o castelo de Monterrei para loitar contra as tropas do Arcebispo Fonseca e impedir que cheguen a Compostela para restabelecer o sistema feudal.
Na revolta deste ano, máis de 800 mozos e mozas loitaron cinco séculos despois metidos na pel dun irmandiño ou dun soldado nobiliario, enfrontados nunha guerra que decidiu o destino do Reino de Galiza. Irmandiños: A revolta vén de ser recentemente recoñecido como o xogo de rol ao vivo máis grande do mundo tras bater a marca no Guinness na pasada edición.
A recreación da Segunda Revolta Irmandiña, escrita e dirixida por 13negativo en colaboración coa Dirección Xeral de Xuventude, dependente de Vicepresidencia da Xunta, reviviu a Galiza do ano 1467, cando milleiros de labregos loitaron xuntos contra os señores feudais para defenderse dos abusos que levaban séculos padecendo.