En outubro poderanse ver obras de Godard, Clair Simon, Viktor Kosakovsk, e de Xosé Antón Cascudo, que presentará a súa curta 'Ladaíña nº1 (Fendendo)'
Acabou o verán, volve o cinema. O Cineclube de Compostela regresa en outubro cunha programación caracterizada polo carácter experimental dos filmes. As proxeccións comezan o mércores 1 de outubro con Matador de ovellas, un documental de Charles Burnett que examina o gueto negro dos Ánxeles a mediados dos anos 70 a través dos ollos dun traballador dun matadoiro; o filme foi recentemente restaurado e presentado do Festival de Berlín en 2007.
O mércores 8 será a quenda de Aquí e fóra, realizado con material do grupo de intervención cinematográfica Dziga Vertov, nacido do Maio do 68. O filme marca o comezo da transición de Jean-Luc Godard da filmación das polémicas políticas ao exame do modo en que as persoas se perciben a si propios e os demais. O dia 15 proxectarase Recreos, de Claire Simon, que se desenvolve no patio dunha escola, coa cámara á altura dos ollos dos cativos. O 22 o filme escollido é Calade!, de Víktor Kosakovsky, que filma desde o balcón as rúas da súa cidade, San Petersburgo, mentres se preparan as celebracións dos 300 anos da fundación.
O mes pecharase coa presentación dun novo realizador galego, continuando así un dos obxectivos do Cineclube. Xosé Antón Cascudo estará o día 29 presentando e comentando a súa curtametraxe experimental Ladaíña nº1 (Fendendo). Ademais desta proxección, Cascudo comentará outros filmes, que tamén se proxectarán esa noite: A propósito de Niza e as curtas armenias Vida (Kyanq, Artavazd Pelechian, 1993) e Fin (Verj, Artavazd Pelechian, 1994).
As proxeccións comezan ás 22 horas, todos os mércores. A entrada é de balde, podendo mercarse bonos-axuda de un euro.