O líder do Encontro Irmandiño asegurou con retranca que a cita asemblearia coincide coas festas de San Froilán.
O líder do Encontro Irmandiño, Xosé Manuel Beiras, deixou entrever este venres que non acudirá á Asemblea Nacional do Bloque que se vai celebrar o vindeiro día 5 de outubro en Compostela. O que fora voceiro nacional da organización frontista tirou de retranca para afirmar que a xornada coincidía coas festas de San Froilán de Lugo, a onde “haberá que ir”.
As palabras semellan confirmar as informacións que apuntan a que o Encontro Irmandiño vai secundar o posicionamento do Movemento pola Base, que xa anunciou que non acudirá á asemblea ao entender que non hai suficientes garantías democráticas. Os dous colectivos posicionáronse fronte á dirección a prol dunha asemblea aberta e non por delegados.