Ademais, na Facultade de Filoloxía de Vigo celebrarase unha xornada de debate titulada 'Terminoloxía: palabras que contan'.
Valentín Arias
O acto central será a homenaxe a Valentín Arias, un dos pioneiros da tradución contemporánea en Galicia, membro fundador e presidente da Asociación de Tradutores Galegos. O acto comezará ás sete da tarde no Auditorio do Centro Sociocultural Caixanova de Vigo e nel intervirá a conselleira de Cultura e Deporte, Ánxela Bugallo.
Os actos do Día Internacional da Tradución iniciaranse o luns 29 de setembro coa celebración na Facultade de Filoloxía e Tradución da Universidade de Vigo da Xornada Terminoloxía: palabras que contan. A xornada desenvolverase ao longo da mañá. Abrirase cunha conferencia sobre "Terminoloxía en Galiza: tesouros novos e vellos" a cargo de Iolanda Galanes, presidenta da Sociedade Galega de Terminoloxía. A seguir presentaranse varios proxectos novos, entre os que destacan o 'Novo dicionario inglés-galego', a cargo de Alberto Álvarez Lugrís e Xavier Gómez Guinovart. E 'A Neoteca: banco de datos de neoloxismos da Universidade de Vigo', por Xosé María Gómez Clemente e, de novo, Gómez Guinovart.
A Consellaría de Cultura dedica este ano 307.689 euros á subvencionar traducións e probas de tradución, máis do triple dos 90.000 euros que destinou en 2004 para o mesmo fin o anterior goberno da Xunta. Este incremento permitiu que as obras subvencionadas pasasen de 30 en 2004 a 89 en 2007. Este ano agárdase que arredor de 120 libros se beneficien destas axudas, destinadas tanto á edición en galego de textos doutras linguas como para a tradución a outras linguas de textos orixinais en galego.
Valentín Arias
Valentín Arias López naceu en Sarria en 1934. En 1969 comezou a traballar coa Editorial Galaxia. Foi membro fundador en 1984 da Asociación de Tradutores Galegos, da que foi presidente. Traduce fundamentalmente do francés, do portugués e do español. En 1989 recibiu o premio Ramón Cabanillas de Tradución, e o Premio de Tradución Xuvenil do Ministerio de Cultura. Entre as súas moitas traducións atópanse as obras de Jules Verne A volta ao mundo en oitenta días, Viaxe ao centro da terra e Da Terra á Lúa, Voo de noite de Antoine de Saint-Exupéry, O estranxeiro de Albert Camus e A fractura do miocardio de Jacques Fansten.