Os tres grupos parlamentarios aproban unha proposición non de lei co fin de que se cumpran estritamente os principios de transparencia na xestión local.
PPdeG, BNG e PSdeG aprobaron esta cuarta feira por unanimidade no Parlamento solicitarlle á Xunta que os concellos que non rendan contas ante o Consello sexan excluídos das convocatorias para acceder a axudas e subvencións das administracións. Ademais, demandan o apoio das entidades municipais para a implantación da Administración electrónica.
A proposta tamén lles reclama ás deputacións provinciais, aos concellos e a outras entidades locais, así como á Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) que "extremen a dilixencia no cumprimento dos principios de transparencia" na xestión local.
Os tres grupos coincidiron na necesidade de levar a cabo un exercicio de "transparencia" no eido municipal, aínda que o PSdeG -grupo que presentou a proposición non de lei, que transaccionaron os outros dous- e o PPdeG reprocháronse mutuamente a súa posta en práctica.
Lea PPdeG-PSdeG
O deputado do grupo popular Agustín Baamonde considerou que o PSdeG carece de "credibilidade" ao presentar unha iniciativa porque "o socialismo gobernante asfixía os concellos". Ao respecto, o socialista Xaquín Fernández Leiceaga defendeu as políticas municipais do PSdeG e advertiulle a Baamonde de que eles no que "non cren é no clientelismo".
Leiceaga defendeu que as medidas contempladas na proposición non de lei permitirán que os concellos cumpran só ante o Consello de Contas e que, posteriormente, este organismo lle traslade a información ao Tribunal español de Contas. O deputado socialista recordou que en 2005, un total de 99 entidades de 400 non pasaron este trámite; e dos que non cumpriron, 58 eran concellos.
Pola súa banda, o deputado do BNG Pablo González Mariñas defendeu que a proposta busca a "cooperación" entre as diferentes institucións da Administración.