Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Fwwwrando

RSS de Fwwwrando
STEPHEN HAWKING

"O futuro a longo prazo da raza humana será no espacio"

O científico británico asegurou en Compostela que é moi difícil evitar un desastre no planeta nos vindeiros cen anos, polo que avogou pola busca dunha alternativa.

Redacción - 20:00 24/09/2008

Sobre a creación do universo, sobre o Big Bang, pero tamén sobre a importancia do carácter divulgador da ciencia, da súa opción política, ou sobre o cambio climático. O físico Stephen Hawking falou en Santiago de Compostela ante un nutrido grupo de xornalistas que o interrogaron sobre o máis diverso. Porén, o científico precisou coñecer as preguntas de antemán e na súa contestación demorou unha xornada enteira. Non é para menos, xa que por mor da enfermidade neuronal motora (Esclerose lateral amiotrófica) que sofre dende os 22 anos, na actualidade comunícase a través dun mecanismo que só lle permite pronunciar entre unha e dúas palabras por minuto.

Propoñer unha resposta definitiva a como comezou o universo é un traballo no que Hawking empeñou toda a súa vida. De feito, asegura que "a ciencia está a contestar cada vez a máis preguntas que eran dominio da relixión", polo que considera que "pronto debería ofrecer unha resposta definitiva a como comezou todo". Di: "pode chamar ás leis científicas Deus, pero non sería un Deus persoal, ao que se podería coñecer e facer preguntas, aínda que se tal divindade existise, gustaríame preguntarlle como chegou a pensar algo tan complicado como a teoría M en once dimensións". Con todo, como científico e sabedor de que o universo está gobernado por leis científicas, asegura que "isto non deixa moito espazo para milagres ou para Deus".

"Estudei física e cosmoloxía porque quería respostas para as grandes cuestións"
Sobre o que había "antes" do Big Bang, o científico responde apelando a Aristóteles, Kant ou Einstein, para subliñar que hoxe sabemos que "o tempo non pode existir fóra do universo". Precisamente a "emoción do descubrimento" é a razón pola que Hawking se achegou ao estudo da física, e a que fixo que publicase o libro "A vida secreta do universo", unha obra elaborada xunto coa súa filla e adicado aos lectores máis novos. A divulgación é unha das tarefas nas que se implicou de xeito importante o propio Hawking, quen destaca que "a baixa estima que se ten da ciencia e dos científicos está a ter serias consecuencias", fundamentalmente nesta sociedade "crecentemente gobernada pola ciencia e a tecnoloxía".

De feito, o traballo dos científicos non debe de ser alleo aos problemas da sociedade, unha cuestión na que incide o profesor ao falar do cambio climático: "os científicos teñen unha responsabilidade especial de informar ao público e aconsellar aos líderes sobre os perigos que afronta a humanidade". Neste eido, recorda que como tal se preocupa de "compartir o coñecemento" e recorda que "temos o deber de alertar ao público dos riscos innecesarios que vivimos cada día e dos perigos que albiscamos se os gobernos e as sociedades non actúan".

Colonización doutros planetas
O futuro da nosa especie pasa, segundo Hawking, pola colonización do espacio, sobre todo tendo en conta que "será moi difícil evitar un desastre no planeta Terra nos vindeiros 100 anos". A experiencia coa Estación Espacial Internacional demostra que é posíbel, di o científico, que os seres humanos sobrevivan durante meses lonxe deste planeta. "Non obstante, a gravidade cero provoca numerosos e indesexábeis cambios psicolóxicos, debilitamento dos ósos, así como problemas con líquidos...etc; o desexábel é que os seres humanos puideran estar nun planeta ou nunha lúa". É máis, di, "a raza humana non debería de poñer todos os seus ovos na mesma cesta, ou no mesmo planeta (...) esperemos poder evitar que a cesta caia até ter esparexido a carga.


4,43/5 (7 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: